Nova: O ciclo Danza 3 chega ao seu ecuador coas actuacións de O Fiadeiro en Castrelo de Miño e A Cañiza

12/08/2016

O ciclo Danza 3 chega ao seu ecuador coas actuacións de O Fiadeiro en Castrelo de Miño e A Cañiza

A Agadic volve colaborar con esta agrupación viguesa, Cantigas e Agarimos de Santiago e Xacarandaina da Coruña no desenvolvemento dunha nova edición deste programa, que busca transmitirlles aos espectadores a riqueza do noso folclore

As próximas citas ata completar as 12 incluídas no cartel serán en setembro no Barco e en Palas, en outubro en Sarria e Arteixo, e en novembro en Valga
 

Santiago, 12 de agosto de 2016.- O programa ‘Danza 3’ de difusión da música e o baile tradicionais chega ao seu ecuador coas actuacións que O Fiadeiro desenvolverá mañá en Castrelo de Miño e o luns 15 na Cañiza. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación promove una nova edición deste ciclo xunto coas agrupacións do colectivo XOC –Xacarandaina da Coruña, O Fiadeiro de Vigo e Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela–, que se estenderá ata outono para ofrecer un total de 12 actuacións noutros tantos concellos galegos.

A formación viguesa protagoniza as dúas próximas citas de ‘Danza 3’, que terán lugar mañá sábado, ás 21.30 horas, no Parque Náutico de Castrelo de Miño, e o luns, ás 18.00 horas, na Praza Maior da Cañiza. Nelas, O Fiadeiro exhibirá a pé de rúa unha escolma do seu amplo repertorio nunha proposta artística preparada especialmente para cada espazo e a través da que se busca implicar o público, de xeito que cada función é única e espontánea.

Carácter divulgativo

Ademais da súa vertente artística, este ciclo ten así mesmo un marcado carácter divulgativo e promocional na procura dunha maior proxección social da música e do baile tradicionais, así como do labor de recolleita, conservación e transmisión que levan a cabo este tipo de agrupacións en toda Galicia.

‘Danza 3 2016’, que arrancou en xuño en Mondoñedo e visitou tamén Oza-Cesures, Melide, A Baña e Vila de Cruces, continuará en setembro coas representacións de O Fiadeiro o día 17 no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras e de Cantigas e Agarimos o día 18 na Praza do Concello de Palas de Rei. Xa en outubro, Xacarandaina estará o día 1 na Casa da Cultura Sarria e o día 15 en Arteixo, mentres que en novembro Cantigas e Agarimos actuará no Auditorio Municipal Valga.

Tres galas

Se no caso das actuacións ao aire libre as tres formacións adaptan o seu repertorio para compartir co público asistente a súa festa de música e baile, nas tres citas que terán lugar en recintos pechados (Casa da Cultura de Sarria, Teatro Lauro Olmo do Barco e Auditorio Municipal de Valga) as postas en escena desenvolveranse a xeito de gala ou espectáculo total. Así, Cantigas e Agarimos representará ‘Balbino’, no que lembra a figura e a obra de Xosé Neira Vilas; Fiadeiro escenificará ‘Esta noite hai unha fía: nas catro esquinas’ e Xacarandaina preparará unha gala na que os seus grupos de música e baile tradicional compartirán escenario coas xentes do pobo que viviron e conservaron o noso folclore.

Neste sentido, as tres montaxes serven de homenaxe a todas as persoas que exerceron e exercen de transmisores e baluartes da danza e a música tradicionais galegas. Con elas, as agrupacións do colectivo XOC –que suman máis de 1.500 socios– están a difundir tamén a petición que lle farán chegar ao Ministerio de Educación e Cultura para conseguir a declaración BIC, paso previo á presentación diante da Unesco da candidatura do ‘Baile e música de Galicia’ a Patrimonio Inmaterial da Humanidade.
 

Comparte