Nova: A Feira do Libro de Viveiro encherá de actividade os xardíns de Noriega Varela ata o vindeiro día 16

12/08/2016

A Feira do Libro de Viveiro encherá de actividade os xardíns de Noriega Varela ata o vindeiro día 16

A cita arranca mañá co pregón e cunha actuación de música tradicional

Santiago, 12 de agosto de 2016.- A Feira do Libro de Viveiro abre mañá día 13 as súas portas nos xardíns de Noriega Varela, espazo que se encherá de actividades para todos os públicos ata o vindeiro día 16. A cita enmárcase nas Feiras do Libro de Galicia, coorganizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Federación de Libros de Galicia.

Tras a inauguración da cita, mañá ás 19:30 horas, a primeira actividade será a presentación do libro ‘De acuarelas por Viveiro’, de Eduardo Baamonde. Así mesmo presentaranse nesta feira ‘Entre o abalo e a zaranda: dicionario léxico do mar’, de Paco Rivas; ‘A maruxaina e outras sereas’, de Paco Rivas, Otero Regal e Pablo Mosquera; ‘O soño de Xoán’, de Farruco Graña; ‘A nosa terra é nosa. A xeira das irmandades’, de Emilio Insua; ‘Nefelibata’, de Maka Ledo; ‘Cantos de poeta. Unha antoloxía musicada da poesía galega’, de Federico Mosquera e Noa López; ‘Tiempo de halcones’, de Fran Zabaleta’; e ‘El fiel reflejo de la nada’, de Patricia C. Beltrán. Ademais, Olga Romay asinará ‘Los hijos del senador’, e celebrarase un coloquio sobre o libro ‘Y entonces perdimos la inocencia’ co seu autor, Hugo Pardo Geada.

A oferta da feira complétase con actividades infantís, concretamente de maxia o sábado ás 19 horas, un contacontos o luns ás 18 horas e de teatro o martes ás 18 horas.

Recta final das feiras

Logo de percorrer desde abril os concellos de Pontevedra, Ferrol, Santiago, O Porriño, Redondela, Ribeira, Ourense, Lugo, Vigo, A Coruña e Viveiro, as Feiras do Libro de Galicia chegarán nas próximas semanas aos municipios de Foz (do 18 ao 21 de agosto); e, finalmente, a Monforte de Lemos (do día 24 ao 27 de agosto), onde porán fin ao seu percorrido polas catro provincias galegas.
 

Comparte