Nova: A Cidade da Cultura convida as familias a gozar de circo e maxia de riente con Cidade imaxinaria

14/08/2016

A Cidade da Cultura convida as familias a gozar de circo e maxia de riente con Cidade imaxinaria

A praza central do Gaiás acolle o vindeiro sábado, 20 de agosto, a sexta edición deste festival que conta cun programa cheo de espectáculos, xogos e obradoiros para gozar ao aire libre e en familia

A Cidade da Cultura contará cun servizo especial de buses, no que a liña 9 circulará cada 60 minutos pola mañá e cada 40 ata as 21 horas
 

Santiago, 14 de agosto de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida ás familias a gozar do circo e da maxia de Oriente o vindeiro 20 de agosto no Gaiás. Será na sexta edición de ‘Cidade Imaxinaria’, o festival do verán co que gozar durante todo un día de xogos, espectáculos e obradoiros totalmente de balde.

‘Cidade Imaxinaria 2016’ centrarase na máis pura esencia do circo, con espectáculos e obradoiros de malabares, trapecistas, equilibristas e clown, ademais de xogos cos que espertar o enxeño de pequenos e non tan pequenos e danzas, cores e ritmos que transportarán ao mundo onírico de Oriente.

Esta nova edición de ‘Cidade Imaxinaria’ ofrecerá varios espectáculos que nos amosarán as habilidades no trapecio das irmáns Bambalas, os equilibrios do ‘Cabaret Elegante’, ou os malabares, acrobacias e clown de ‘Impreuna’. Ademais, ‘Cidade Imaxinaria’ contará cunha ‘Escola de circo’ na que converterse nun aprendiz de malabarista, equilibrista, acróbata ou clown.

A cor e a maxia envolverán todo o recinto do Gaiás cos espectáculos itinerantes que animarán durante todo o día a sexta edición de ‘Cidade Imaxinaria’. Así, con ‘Oopart’ os asistentes viaxarán no tempo cunha tripulación moi especial, ‘Pete & Pat’ devolveranos ao mundo do cine mudo co seu piano-bicleta que en cada parada se converte nun pequeno teatriño, escacharán coa risa cos ‘Traps’, uns simpáticos dragóns confeccionados con centos de teas; e bailarase ao ritmo dos Bregadiers.

Ademais, ‘Cidade Imaxinaria’ achegarase aos aromas, cores e ritmos de Oriente con ‘Bangaluru’. Encabezado por Airavata, unha elefante sagrada, a festa das cores inundará a atmosfera de música e sons. Mahant, domador e mestre de cerimonias dirixirá o espectáculo e ao seu redor os Mandharas deleitarán ao público coas súas danzas, equilibros e acrobacias en zancos.

Espazo para bebés

Os xogos serán os protagonistas da praza central. No ‘Garabato de bicicletas’ xogarase con diferentes bambáns elaborados con estes vehículos a dúas rodas, con ‘Trans Ludo Express’ os rapaces poderán crear a súa propia rede ferroviaria e demostrar o seu enxeño ao superar as difíciles probas do ‘Corazón xigante’ e da ‘Berdinguette’. Ademais, os máis pequenos –de 1 a 6 anos- terán o seu propio espazo: o ‘Illote dos Cativos’, con máis de 20 xogos tradicionais e insólitos cos que espertar a súa imaxinación e creatividade.

Os amantes de superar retos e probas terán a oportunidade de xogar na ‘Xincana Con-fío en Galicia’, na que descubrir a importancia da historia do téxtil en Galicia superando as diferentes etapas que se sucederán no Xardín Literario.

E para rematar, ‘Cidade Imaxinaria’ celebrará un ‘flashmob’ ao máis puro estilo Bollywood. Tras aprender uns sinxelos pasos da man de Martha Franco e as súas bailarinas, todos os asistentes terán a oportunidade de participar nunha espectacular coreografía colectiva.

Buses ata as 21 horas

Como xa vén sendo habitual, A Cantina do Gaiás ofrecerá un servizo de comida con menú do día ao mediodía, ademais de bocatas e hamburguesas durante toda a xornada. Postos con xeados, algodón de azucre ou flocos de millo farán tamén as delicias dos asistentes. A oferta gastronómica complementarase coa presenza de varios ‘foodtracks’ nas proximidades do Parque da Balea.

Ademais, ‘Cidade Imaxinaria 2016’ contará cun servizo de bus urbano especial que sairá cada 60 minutos entre as 9 e as 15:00 horas e cada 40 minutos de 15:00 a 21:00 horas. O último bus de baixada desde o Gaiás será ás 21:20 horas.
 

Comparte