Nova: As tres redes de espectáculos da Agadic programan 413 funcións escénicas e concertos no segundo semestre de 2016

18/08/2016

As tres redes de espectáculos da Agadic programan 413 funcións escénicas e concertos no segundo semestre de 2016

Un total de 77 espazos acollen as novas actuacións que se insiren, á súa vez, na programación Galicia Culturea

Santiago, 18 de agosto de 2016.- Un total de 77 espazos de toda Galicia acollen a nova programación semestral da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) e a Rede Galega de Salas (RGS), os tres circuítos de distribución de espectáculos que a Consellería de Cultura e Educación promove a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e en colaboración coas diferentes entidades públicas e privadas que xestionan os devanditos locais.

Estas tres redes presentarán as últimas propostas de 150 formacións escénicas e musicais, galegas na súa meirande parte, ata completar unha carteleira de 413 funcións de teatro, danza, música, maxia e novo circo entre os meses de xullo e decembro de 2016. Esta nova oferta eleva a máis de 900 as actuacións que terán lugar durante todo o ano ao abeiro destes circuítos, cuxo obxectivo é servir de canle estable para o encontro entre o público e a nova produción escénica e musical galega.

Este calendario cultural insírese á súa vez no programa ‘Galicia Culturea’, que Cultura e Educación está a desenvolver desde este verán en máis de 166 localidades das catro provincias.

Vixésimo aniversario da RGTA

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, que este ano celebra o vixésimo aniversario da súa posta en marcha, dá cabida neste segundo semestre a 236 representacións que terán lugar en 38 espazos doutras tantas localidades. Un total de 94 formacións artísticas presentarán nesta carteleira as súas últimas propostas de teatro para público adulto e infantil, de danza, de maxia, de música e de novo circo.

Na oferta da RGTA, cofinanciada pola Agadic e as entidades asociadas, volve destacar a aposta polas montaxes de teatro galego e en galego de compañías e intérpretes como Baobab Teatro, Caramuxo Teatro, Carlos Blanco, Contraproducións, Culturactiva, Triatreros, Elefante Elegante, Eme2, Federico Pérez, Chévere, Galitoon, Lucecús, Malasombra, Ningures Produción, Os Monicreques de Kukas, Pérez&Fernández, Producións Teatráis Excéntricas, Redrum Producciones, Sarabela Teatro, Tanxarina, Teatro del Andamio, Teatro do Atlántico, Teatro do Morcego, Teatro do Noroeste, Teatro Ensalle, entre outras.

No conxunto das formacións contratadas durante este período atópanse tamén nomes como os de Nuria Sotelo, trasPediante ou Entremans en danza; e Best Boy, De Vacas, Faltriqueira, Lydia Botana, Nelson Quinteiro ou Roberto Sobrado en música.

Música ao Vivo

En canto á Rede Galega de Música ao Vivo, esta nova carteleira reúne 33 grupos musicais, dúas formacións de maxia, outras dúas escénicas e unha de novo circo para propoñer 113 citas ata o vindeiro mes de decembro.

Promovido pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Agadic e en colaboración coa asociación Clubtura, este circuíto conta con oito anos de actividade ininterrompida na procura dunha maior estabilidade na distribución de música en directo en locais de aforo reducido de toda Galicia. Neste segundo semestre de 2016, son 34 as salas que contan con apoio económico para programar actuacións no marco da RGMV.

Adrián Costa & The Criers, Agoraphobia, Aldaolado, Banda Crebinsky, Caxade, Davide Salvado, Eladio y los Seres Queridos, Felipe Villar Trío, Guezos, Igloo, Maryland, Músculo!, Os da Ría, Silvia Penide, The Lákazanz, Vandallica, Mago Teto, Peter Punk, Rubén Riós ou Serxio Pazos son algúns dos grupos e artistas que actuarán nesta rede eminentemente musical.

Cinco salas na RGS

Pola súa banda, a Rede Galega de Salas está integrada na actualidade por Teatro del Andamio e Sala Gurugú da Coruña, Sala Ingrávida do Porriño, Fundación SGAE de Santiago de Compostela e Teatro Ensalle de Vigo.

Como parte deste circuíto, programarán ata decembro 64 funcións a cargo de 28 compañías, que conforman un catálogo multidisciplinar no que destacan en canto ao seu número as propostas dirixidas a público infantil.

A programación semestral destes tres circuítos pode ser consultada a través das seccións de axenda do web de Cultura da Xunta de Galicia (www.cultura.gal) e da Agadic (www.agadic.gal/Axenda).
 

Comparte