Nova: Cidade Imaxinaria convidou as familias a gozar no Gaiás de circo e maxia de Oriente
20/08/2016
Cidade Imaxinaria convidou as familias a gozar no Gaiás de circo e maxia de Oriente
A sexta edición deste festival contou cun programa cheo de espectáculos, xogos e obradoiros para gozar ao aire libre e en familia
Santiago, 20 de agosto de 2016.- Cidade Imaxinaria 2016 centrouse este sábado na máis pura esencia do circo, con espectáculos e obradoiros de malabares, trapecistas, equilibristas e clown, ademais de xogos cos que espertar o enxeño de pequenos e non tan pequenos e danzas, cores e ritmos que transportarán ao mundo onírico de Oriente. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu a esta celebración, acompañado da directora xerente da Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, e da directora de Acción Cultural, María Pereira.
Esta nova edición ofreceu varios espectáculos que amosaron as habilidades no trapecio das irmáns Bambalas, os equilibrios do ‘Cabaret Elegante’, ou os malabares, acrobacias e clown de ‘Impreuna’. Ademais, ‘Cidade Imaxinaria’ contou cunha ‘Escola de circo’ na que converterse nun aprendiz de malabarista, equilibrista, acróbata ou clown.
A cor e a maxia envolveou todo o recinto do Gaiás cos espectáculos itinerantes que animaron durante todo o día a sexta edición de Cidade Imaxinaria. Así, con ‘Oopart’ os asistentes viaxaron no tempo cunha tripulación moi especial, ‘Pete & Pat’ devolveunos ao mundo do cine mudo co seu piano-bicleta que en cada parada se converte nun pequeno teatriño, escacharon coa risa cos ‘Traps’, uns simpáticos dragóns confeccionados con centos de teas; e bailarase ao ritmo dos Bregadiers.
Ademais, ‘Cidade Imaxinaria’ achegouse aos aromas, cores e ritmos de Oriente con ‘Bangaluru’. Encabezado por Airavata, unha elefante sagrada, a festa das cores inundaron a atmosfera de música e sons. Mahant, domador e mestre de cerimonias dirixiu o espectáculo e ao seu redor os Mandharas deleitaron ao público coas súas danzas, equilibros e acrobacias en zancos.
Espazo para bebés
Os xogos foron os protagonistas da praza central. No ‘Garabato de bicicletas’ xogouse con diferentes bambáns elaborados con estes vehículos a dúas rodas, con ‘Trans Ludo Express’ os rapaces poderon crear a súa propia rede ferroviaria e demostrar o seu enxeño ao superar as difíciles probas do ‘Corazón xigante’ e da ‘Berdinguette’. Ademais, os máis pequenos –de 1 a 6 anos- tiveron o seu propio espazo: o ‘Illote dos Cativos’, con máis de 20 xogos tradicionais e insólitos cos que espertar a súa imaxinación e creatividade.
Os amantes de superar retos e probas tiveron a oportunidade de xogar na ‘Xincana Con-fío en Galicia’, na que descubrir a importancia da historia do téxtil en Galicia superando as diferentes etapas que se sucederon no Xardín Literario.
E para rematar, ‘Cidade Imaxinaria’ celebrou un ‘flashmob’ ao máis puro estilo Bollywood. Tras aprender uns sinxelos pasos da man de Martha Franco e as súas bailarinas, todos os asistentes tiveron a oportunidade de participar nunha espectacular coreografía colectiva.