Nova: Ledicia e Fornelos de Montes gaña a XXIV Liga Galega de Bandas de Gaita
26/07/2014
Ledicia e Fornelos de Montes gaña a XXIV Liga Galega de Bandas de Gaita
A agrupación repite como campioa na máxima categoría do certame, no que participaron este ano arredor de mil gaiteiros e gaiteiras
Mos (Pontevedra), 26 de xullo de 2014.- O Pazo de Mos acolleu hoxe a fase final da XXIV Liga Galega de Bandas de Gaitas, na que resultou gañadora da máxima categoría a agrupación Ledicia e Fornelos de Montes. A Escola Municipal Gaitas e Percusión de Xinzo de Limia 1 e San Vicente de Barrantes foron, respectivamente, as formacións vencedoras do segundo e terceiro grao deste certame promovido pola Federación Galega de Bandas de Gaitas co apoio da Xunta de Galicia, no que participaron este ano arredor de mil gaiteiros e gaiteiras.
En representación do departamento da Xunta de Galicia, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na clausura da fase final da liga, á que se referiu como un aliciente á dedicación musical desenvolvida polas agrupacións participantes, ao tempo que destacou que deste “certame musical de referencia”, que celebra en 2014 a súa vixésimo cuarta edición, “abrolla unha boa mostra do talento artístico co que conta a nosa terra”.
“Igual que acontece nos mellores eventos deportivos –dixo–, a Liga de Bandas de Gaitas preséntase como unha cita musical ilusionante tras meses de traballo constante para acadar a mellor interpretación e superar, ano a ano, a calidade sonora e estética das agrupacións”. “Do mesmo xeito que nas competicións deportivas –engadiu–, os resultados dos certames arísticos non sempre son proporcionais ao esforzo realizado, pero si que constitúen unha boa ocasión para seguir avanzando no nivel técnico de cada un de vós e, sobre todo, para fomentar o mellor de cada grupo, a través do compañeirismo e da colaboración”.
Esforzo individual e de equipo
Finalmente, felicitou a todos os participantes polo traballo realizado, “que se consegue cunha dedicación constante”, así como “polo esforzo individual e de equipo demostrado en cada nova edición deste certame”. “Porque aquí –concluíu– hai esforzo e ansia de ofrecer algo bo a través da linguaxe da música, esa que nos chega a todos e que sentimos parte de nós”.
Co fin de promover o traballo musical das bandas de gaitas, a Consellería de Cultura e Educación vén apoiando a Liga Galega de Bandas de Gaitas, así como outras iniciativas encamiñadas a promover e difundir a música popular, como o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas.