Nova: Monforte de Lemos pecha o percorrido das Feiras do Libro de Galicia neste 2016

24/08/2016

Monforte de Lemos pecha o percorrido das Feiras do Libro de Galicia neste 2016

Esta cita encherá de actividades para todos os públicos a capital da Terra de Lemos

Monforte, 24 de agosto de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na apertura da Feira do Libro de Monforte de Lemos, onde subliñou que estas iniciativas permiten achegar os libros á poboación, acadar novos lectores e propoñer a lectura como alternativa de recreo no tempo de lecer.

Deste xeito, destacou a colaboración un ano máis entre a Consellería, os concellos e a Federación de Libreiros de Galicia co fin de “darlles ás feiras un papel destacado no encontro entre o libro e os lectores” que permita, así mesmo, “asegurar un futuro mellor para as industrias gráficas e do libro galego”, remarcou.

Román Rodríguez, que estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, tamén mencionou a estadía monfortina de Manuel María –o autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas–, onde abriu, xunto coa súa dona, Saleta Goi, a libraría ‘Xistral’. Un espazo que, en palabras do conselleiro, pronto se converteu nun punto de encontro de recoñecidas personalidades do mundo da cultura, tanto de Galicia, como do resto de España e do mundo.

Actividades para todos
A rúa do Cardeal acollerá ata o vindeiro día 27 esta feira, enchendo con case dúas decenas de actividades para todos os públicos a capital da Terra de Lemos. A cita enmárcase nas Feiras do Libro de Galicia, coorganizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Federación de Libreiros de Galicia.

A feira acollerá a presentación de obras como ‘O amor nos escuros días de Birkenau’, de Alberto Canal; ‘Oseira’, de Antón Blanco; ‘Tiempo de halcones’, de Fran Zabaleta; ‘Querido Eduardo’, de Ramón Suárez; ‘Nadie muere la víspera’, de Stekka Estrada; e da revista ‘El buque Maldito’. Así mesmo, asinarán exemplares dos seus traballos Estefanía Padullés, Xabier Quiroga, Margarita Rodríguez Otero, Fernando Hernández González, Rocío López Núñez e Xosé Lois García.

Así mesmo, Teo Palacios impartirá un obradoiro de escritura para presentar aos adultos as ferramentas básicas da novela, Carmen Freire abordará a utilidade das diferentes plantas na nosa vida diaria e Teresa Grau e Fernando Estévez desenvolverán a actividade para todas as idades ‘Avatares, tras los enigmas’. A oferta da feira complétase con actividades infantís como ‘Dulcinea’, da man de Raquel Queizás; ‘Feliz feroz…’, con Iago López; e ‘Imos de Safari’, con Bea Iglesias.

Peche das feiras
Logo de percorrer desde abril os concellos de Pontevedra, Ferrol, Santiago, O Porriño, Redondela, Ribeira, Ourense, Lugo, Vigo, Rianxo, A Coruña e Viveiro e Foz, as Feiras do Libro de Galicia chegan ao seu fin coa cita de Monforte, tras percorreren este verán as catro provincias galegas.

Comparte