Nova: Monumenta 2016 conclúe esta fin de semana con dúas andainas temáticas polo patrimonio

25/08/2016

Monumenta 2016 conclúe esta fin de semana con dúas andainas temáticas polo patrimonio

O ciclo de Cultura clausura a programación deste ano o domingo 28 de agosto con visitas ao mosteiro e á igrexa de San Vicente do Pino, ao colexio de Nosa Señora da Antiga e ao convento das Clarisas

O sábado 27 ofrecerá unha ruta a pé polo patrimonio de fronteira con Portugal no concello de Tomiño
 

  • Cartel Cartel

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2016.- O ciclo Monumenta despide esta fin de semana a súa cuarta edición con dúas andainas que o levarán a percorrer o patrimonio de fronteira entre Galicia e Portugal, no concello pontevedrés de Tomiño, e un dos patrimonios renacentistas máis singulares de Galicia, no municipio lucense de Monforte de Lemos.

O sábado 27 de agosto, a xornada deste ciclo promovido pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, transcorrerá pola senda do río Miño desde o Espazo Fortaleza ata a praia de Eiras. A partir dos restos patrimoniais na fronteira natural e política con Portugal, como a fortaleza de San Lourenzo, Monumenta afondará nas relacións entre ambos os dous territorios, na pegada do contrabando e mais na pesca tradicional do Miño. Para iso contará coa voz experta da historiadora e especialista nas fortalezas do Miño, Natalia Jorge Pereira.

O peche musical da xornada correrá a cargo do compositor tudense Victor Coyote, que evocará co seu repertorio a música e as historias da fronteira.

Á descuberta do legado renacentista

Ao día seguinte, o domingo 28 de agosto, Monumenta pechará a súa cuarta edición cunha xornada centrada na conexión de Monforte de Lemos con Castela e Nápoles no século XVI. A andaina final percorrerá un dos patrimonios renacentistas máis singulares de Galicia: o mosteiro e a igrexa de San Vicente do Pino, o colexio de Nosa Señora da Antiga e o convento das Clarisas.

Para este percorrido, Monumenta terá como camiñantes convidados o doutor en historia da arte Juan Manuel Monterroso e a restauradora Marta Becerro.

A participación nestas últimas dúas xornadas do ciclo é de balde e non precisa tampouco de inscrición previa.

Propostas para vivir o patrimonio

Igrexas, torres, capelas, muíños, castelos, castros, fortalezas e vías romanas, a través do diálogo entre a súa singularidade patrimonial e a contorna paisaxística, foron algunhas das propostas da cuarta edición deste ciclo para esa descuberta do patrimonio cultural galego, que ofreceu desde o pasado 30 de xullo propostas variadas arredor do patrimonio marítimo, do patrimonio de fronteira –tanto da raia con Asturias como con Portugal–, do patrimonio industrial, do patrimonio viario etc.

A información completa do ciclo pode consultarse na páxina web de Cultura da Xunta de Galicia, en www.cultura.gal e en http://galiciamonumenta.wordpress.com/.

Comparte