Nova: A Cidade da Cultura impulsa o traballo de creadores emerxentes co VI Encontro de Artistas Novos
29/08/2016
A Cidade da Cultura impulsa o traballo de creadores emerxentes co VI Encontro de Artistas Novos
Corenta artistas novos de toda España convivirán no Gaiás con creadores consolidados como Alicia Martín, Lino Lago e Ruth Montiel
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, anima os participantes a aproveitar estes catro días para aprender a traballar en rede, establecer conexións e descubrir o funcionamento das institucións culturais
A clausura deste VI Encontro coincidirá coa inauguración de ‘Homo Ludens’, proxecto de intervención artística para as Torres Hejduk que resultou gañador da edición anterior do Encontro
Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2016.- O Gaiás promove desde hoxe ata o xoves o intercambio de ideas entre creadoras e creadores emerxentes na sexta edición do ‘Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia’, no que un total de corenta participantes terán a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos e debater ao redor da arte contemporánea.
O ‘Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura de Galicia’ volve ao Gaiás da man de Rafael Doctor, director de todas as edicións, co obxectivo de apoiar e promover o seu labor creativo e o intercambio de coñecemento, seguindo dúas das liñas estratéxicas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: a aposta pola educación e o coñecemento como eixes do progreso e do benestar.
Aprender a traballar en rede
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, acompañado por Rafel Doctor, pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, e pola directora de Acción Cultural do Gaiás, María Pereira Otero, foi o encargado de darlles a benvida aos corenta mozos: 20 galegos e 20 doutros puntos de España e de América Latina, aos que animou a aproveitar estes catro días para aprender a traballar en rede e establecer conexións que activarán e inspirarán novos traballos e proxectos creativos.
Ademais, Anxo Lorenzo destacou a oportunidade que terán os participantes de descubrir o funcionamento de destacadas institucións culturais, xa que, ademais da Cidade da Cultura, visitarán o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela, e a Fundación Luis Seoane da Coruña.
Ao longo de todas as edicións, preto de 500 artistas emerxentes de toda España participaron no Encontro, consolidado como unha cita na axenda da arte contemporánea en Galicia e no resto de España, e que continúa a medrar. Neste sentido, o secretario xeral de Cultura lembrou que o ano pasado se celebrou un ‘Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia’ en Uruguai e este ano en Segovia, adiantando que pronto se darán a coñecer novos puntos neste mapa de ‘encontros’.
Artistas de prestixio e observadores
Os participantes nesta sexta edición do EAN terán catro días para entrar en contacto con outras traxectorias e procesos de produción artística a través dunha serie de conferencias impartidas por artistas de recoñecido prestixio nos circuítos nacionais e internacionais da arte contemporánea, como Alicia Martín, Lino Lago e Ruth Montiel.
Xunto con eles, os participantes convivirán con observadores que apoian os novos creadores e que queren estar ao corrente das novidades do artista emerxente e dos seus proxectos artísticos. Javier Díaz-Guardiola, Guillermo Espinosa, Ángel Calvo Ulloa e Nerea Ubieto serán os críticos ou comisarios que, neste evento, actuarán de “art followers”.
Este ‘VI Encontro de Artistas Novos’ celebrará un Foro Aberto no que todos os participantes terán a posibilidade de realizar unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.
Intervención Torres Hejduk
A maiores, a Cidade da Cultura abre a posibilidade de que un ou varios dos participantes sexa elixido para realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo. Con esta iniciativa, o complexo do Gaiás busca apostar polo talento emerxente, cedéndolle un espazo expositivo non convencional para que poidan darlle renda solta á súa creatividade.
De feito, e por vez primeira, o ‘Encontro de Artistas Novos’ finalizará coa inauguración do proxecto gañador da anterior edición: Homo ludens, de Miguel Benjumea e Román Corbato. A través desta intervención, os dous participantes no V EAN converterán as Torres Hejduk nunha nova paisaxe dedicada ao lecer a través dunha ‘site specific’ na que xogan con dous elementos clave: plástico e aire. Deste xeito, a través dunha arquitectura efémera baseada en dúas instalacións inchables, Homo ludens converterá este espazo arquitectónico nun punto de encontro e socialización.