Nova: A gañadora do certame literario Galicia entre nosotros, de visita na Cidade da Cultura

30/08/2016

A gañadora do certame literario Galicia entre nosotros, de visita na Cidade da Cultura

A Academia Argentina de Letras e a Consellería de Cultura puxeron en marcha este concurso que promove a creación literaria ao redor da emigración galega

A bonaerense Natalia Philipp visitou á Cidade da Cultura onde coñeceu a Biblioteca e Arquivo de Galicia acompañada polo secretario xeral de Cultura

  • A bonaerense, Natalia Philipp, gañadora do certame literario Galicia entre Nosotros, visitou esta mañá a Cidade da Cultura A bonaerense, Natalia Philipp, gañadora do certame literario Galicia entre Nosotros, visitou esta mañá a Cidade da Cultura
  • A bonaerense, Natalia Philipp, gañadora do certame literario Galicia entre Nosotros, visitou esta mañá a Cidade da Cultura A bonaerense, Natalia Philipp, gañadora do certame literario Galicia entre Nosotros, visitou esta mañá a Cidade da Cultura
  • A bonaerense, Natalia Philipp, gañadora do certame literario Galicia entre Nosotros, visitou esta mañá a Cidade da Cultura A bonaerense, Natalia Philipp, gañadora do certame literario Galicia entre Nosotros, visitou esta mañá a Cidade da Cultura

Santiago, 30 de agosto de 2016.- A bonaerense, Natalia Philipp, gañadora do certame literario 'Galicia entre nosotros', visitou esta mañá a Cidade da Cultura, onde tivo ocasión de coñecer as instalacións e os servizos da Biblioteca e Arquivo de Galicia acompañada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e pola subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal.

Estudante de Ciencias Físicas na Universidade de Buenos Aires, Natalia Philipp foi a gañadora da primeira edición do concurso convocado pola Xunta de Galicia e pola Academia Argentina de Letras na categoría de alumnado universitario, dotada cunha viaxe a Galicia que se está a desenvolver estes días en diferentes puntos de especial interese cultural das catro provincias.

A Academia Argentina de Letras, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, puxo en marcha este ano o certame –dirixido a estudantes arxentinos– coincidindo coa designación de Santiago de Compostela como cidade convidada na 42ª Feira Internacional do Libro de Buenos Aires. No transcurso da feira, o pasado 28 de abril, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na entrega de premios do concurso, que tivo lugar no Museo Nacional de Arte Decorativo da cidade porteña e que tamén contou coa asistencia do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e do presidente da Academia Argentina de Letras, José Luis Moure.

Historias da emigración a Arxentina
Os traballos presentados ao concurso debían estar escritos en prosa, na que se evocasen figuras ou episodios, reais ou ficticios, enmarcados na historia da emigración galega a Arxentina. Na categoría A do certame, para alumnos e alumnas de estudos terciarios e universitarios, o primeiro premio foi para ‘As’, de Natalia Philipp, mentres que as mencións especiais foron para ‘La tierra y la sangre’, de Rodrigo Ariel Moral; ‘El aullido’, de Maricel Amblard; ‘Hermana mía’, de Sofía Tiviroli; ‘El agua de mis ancestros’, de Lisandro Penelas; e para ‘El niño que trae la brisa’, de Silvana Nancy Muiño.

Na categoría B, para estudantes de nivel secundario, o primeiro premio foi para ‘Carta desde América’, de María Inés Goldzycher, alumna do Colexio Nacional de Buenos Aires; mentres que as mencións especiais recaeron en ‘Al final, negro’, de Joaquín Batinic Rey; ‘Los lobos de Galicia’, de Maribel Gándara; ‘Amor inmigrante’, de Sabrina Rabaglia; ‘¡Se chove, que chova!’, de Ela Jana Alazraqui; e para ‘Somos o que soñamos ser’, de Lucía Belén Romero Percivati Franco.

O xurado do certame conformárono o presidente da Academia Argentina de Letras, José Luis Moure; a súa vicepresidenta, Alicia Zorrilla; e os académicos Antonio Requeni e Raúl Felipe Oteriño

Comparte