Nova: Ler conta moito despide o verán con máis de 40 actividades en setembro

31/08/2016

Ler conta moito despide o verán con máis de 40 actividades en setembro

As propostas de dinamización da lectura para o mes que comeza chegarán ás bibliotecas públicas de vinte e nove localidades

Preto de 750 actividades conforman a cuarta edición deste programa da Secretaría Xeral de Cultura, que se desenvolve de marzo a novembro en colaboración cos concellos
 

  • Brinca Vai é unha da actividades de dinamización lectora de Ler conta moito 2016

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2016.- O programa de dinamización da lectura Ler conta moito despide o verán con 44 actividades que se desenvolverán ao longo do mes de setembro nas bibliotecas públicas e axencias de lectura de 29 municipios galegos.

Muxía, Corcubión, Santiago de Compostela, Ordes, Ames, Arteixo, A Coruña, Oleiros, Sada, Mugardos, Neda, Ares e Cerceda, na provincia da Coruña; as localidades lucenses do Valadouro, de Cervo, de Carballedo, de Sarria, do Valdouro e de Monforte de Lemos; os concellos ourensáns de Viana do Bolo e de Esgos, e os municipios de Moaña, de Cangas do Morrazo, de Mos, de Poio, de Covelo, de Campo Lameiro, de Vilaboa, de Baiona e de Redondela, na provincia de Pontevedra, serán durante as próximas semanas os escenarios de Ler conta moito.

Para todos os públicos
Os máis cativos son os protagonistas dunha programación que tamén inclúe propostas para a mocidade e o público adulto, co fin de os achegar aos libros e de fomentar, a través de diferentes propostas, o hábito lector. A música, a maxia, as artes plásticas, os monicreques, a ciencia, a danza, o audiovisual e a banda deseñada están presentes nas actividades que desde o pasado mes de marzo e ata o vindeiro mes de novembro ofrecerá a cuarta edición desta iniciativa.

Obradoiros creativos a cargo do ilustrador Anxo Fariña, o cabaré das Irmáns Prodixio, a maxia e a música de Álvaro Muras, os monicreques de Carballo con Botas, o teatro infantil de Elefante Elegante, os deliciosos personaxes do obradoiro ‘Coas mans na masa’, de OQO editora, e os contos nados do mar de Raquel Queizás son algunhas das propostas que ofrecerá Ler conta moito desde mañá, 1 de setembro, e ata final de mes na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Preto de 750 actividades para dinamizar a lectura
Promovido pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, e en colaboración coas entidades locais, a cuarta edición deste programa de dinamización da lectura ofrecerá ata final de ano preto de 750 actividades nas catro provincias galegas, a través das bibliotecas e axencias de lectura públicas inscritas nesta iniciativa.

Ler conta moito, na rede
O calendario completo coas actividades pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, a través da páxina web www.cultura.gal/axenda. E tamén está accesible na rede o blog do programa, a través de http://blogs.xunta.gal/lercontamoito/
 

Comparte