Nova: O Gaiás e o WOS Festival colaboran nun encontro ao redor do emprendemento e a innovación cultural

31/08/2016

O Gaiás e o WOS Festival colaboran nun encontro ao redor do emprendemento e a innovación cultural

A Cidade da Cultura e o CGAC acollerán coloquios, charlas e mesas redonda en torno aos cambios na organización de festivais

Representantes do Levfestival de Xixón, o Semibreve de Braga, o Sinsal de Vigo ou o Milhões de Festa de Barcelos daranse cita no Gaiás

Os Encontros WOS contarán con nomes relevantes como Simeon Cox, de Silver Appels, pioneiros da música electrónica
 

Santiago, 31 de agosto de 2016.- A Cidade da Cultura colaborará co WOS Festival na organización dun encontro ao redor do emprendemento e a innovación cultural. O WOS Festival preséntase como un evento de cultura urbana e vangardista que se celebra en espazos emblemáticos de Santiago de Compostela do 7 ao 10 de setembro, e que ten a programación musical como eixe da súa oferta, complementada con espectáculos de artes escénicas, exposicións e espazos abertos ao debate.

A colaboración entre o Gaiás e o WOS Festival enmárcase dentro do compromiso da Cidade da Cultura coa promoción da creatividade e coa análise das novas formas de xestión cultural, operando como un espazo para o debate e a formación de profesionais do sector cultural en Galicia.

Estratexias e creatividade
O Encontro WOS comezará o mércores 7 de setembro coa charla ‘Sold out!: novas estratexias tecnolóxicas aplicadas aos eventos culturais’, da man de Raúl Ruiz de Ticketscript, na que se analizará a influencia das tecnoloxías móbiles, redes sociais e dispositivos dixitais nas organización, promoción e venda de entradas dos eventos culturais.

Esa xornada será tamén a quenda do coloquio ‘Festivais 2.0: creatividade e risco na xestión cultural’, no que se darán cita representantes do Levfestival de Xixón, o Semibreve de Braga, o Sinsal de Vigo, ou o Milhões de Festa de Barcelos, catro eventos que comparten un modelo baseado na convivencia da tecnoloxía, a música e o compromiso coa vangarda como sinal de identidade.

A innovación audiovisual e o videoclip
O xoves 8 de setembro terá lugar o charla ‘Novos medios, novas realidades: innovación audiovisual e o seu impacto na industria cultural’, que contará con representantes de Dvein, Espada y Santa Cruz e Bermudas Land, moderados por Rafa P. Fidalgo. Esa mesma xornada celebrarase un encontro con Simeon Cox, de Silver Apples, dúo que sentou as bases do pop electrónico, patentando un primitivo modelo de sintetizador e anticipándose a outros pioneiros como Kraftwerk ou Wendy Carlos. A súa combinación de melodías espaciais chamou a atención de músicos como Jimi Hendrix, John Lennon ou The Velvet Underground. Xunto a Simeon Cox estará Xurxo Fernández e Iván Bossanova.

Os Encontros WOS mudaranse o venres ao Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), outro dos espazos que colaboran co festival. O sábado celebrarase a charla ‘Son & Visión: Unha historia do videoclip galego’, na que participarán Belén Montero e Juan Lesta de Esferobite, Javi Camino de Magnetova e Rubén Domínguez e Mar Serantes de Prenom. Tamén no CGAC, o sábado 10, os Encontros despediranse coa charla ‘Pública a lenda: mito e realidade da prensa musical independente’, no que se analizará o papel da crítica musical.

 

Comparte