Nova: As torres Hejduk acollen Homo Ludens, unha intervención artística ao redor da idea do xogo
01/09/2016
As torres Hejduk acollen Homo Ludens, unha intervención artística ao redor da idea do xogo
Este proxecto, obra de Miguel Ángel Benjumea e Román Corbato, resultou gañador no Encontro de Artistas Novos de 2015
O traballo introduce nas torres dúas esculturas de plástico vermello, a modo de inchables, convidando o visitante a interactuar e regresar aos territorios do lecer
O secretario xeral de Cultura enmarca a intervención no apoio da Cidade da Cultura á creación contemporánea e aos artistas emerxentes
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2016.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou na Cidade da Cultura ‘Homo Ludens’, a intervención artística que Miguel Ángel Benjumea e Román Corbato realizaron no interior das torres Hejduk. Este traballo resultou gañador no 2015 na convocatoria que realiza cada ano o Encontro de Artistas Novos (EAN), coa que convida os participantes a presentar un proxecto artístico nas Hejduk.
‘Homo Ludens’ reflexiona sobre os territorios de lecer como oportunidade para o encontro e a socialización. Con este traballo, estes dous creadores introducen nas torres da Cidade da Cultura dúas esculturas de plástico vermello, a modo de inchables, xerando unha paisaxe lúdica que convida o visitante a entrar e gozar.
O secretario xeral de Cultura enmarcou ‘Homo Ludens’ na liña de apoio á creación contemporánea e aos artistas emerxentes que se está a levar a cabo por parte da Cidade da Cultura, apoio que se expresa a través do impulso á produción de proxectos novos e tamén coa posta en marcha de accións para promover a súa visibilidade, como é o de transformar as torres Hejduk –un dos elementos arquitectónicos máis emblemáticos do Gaiás– nun espazo expositivo non convencional.
Neste sentido, Anxo Lorenzo lembrou que as torres Hejduk teñen acollido exposicións de creadores e de creadoras como Pamen Pereira, Ana Soler, Félix Fernández ou Alejandra Sampedro, “que achegaron lecturas novas do espazo arquitectónico e un enriquecemento da visita a este lugar”, e celebrou que estean conectadas co Encontro de Artistas Novos, evento que este ano cumpre a súa sexta edición e que constitúe xa unha referencia na axenda da arte contemporánea en España.
Artistas emerxentes
Rafael Doctor, director de todas as edicións do EAN e un dos nomes salientables da creación contemporánea en España, louvou a calidade artística da instalación de Miguel Ángel Benjumea e Román Corbato, e destacou a evolución do Encontro lembrando que teñen pasado polo Gaiás preto de cincocentos artistas emerxentes. Tamén salientou que a fórmula desta iniciativa foi importada por Uruguai e que se está a celebrar noutros puntos de España, como Segovia.
Miguel Ángel Benjumea (Cádiz, 1982) é doutor en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia e centra o seu traballo no desprazamento, no arquivo, nos mapas e na representación do territorio. Román Corbato (Xixón, 1980) é arquitecto e na actualidade está vinculado á Facultade de Belas en Pontevedra, onde realiza a súa tese doutoral investigando as relacións entre paisaxe e lugar na arte contemporánea.
De xardín a espazo expositivo
Deseñadas polo arquitecto neoiorquino John Hejduk, as torres que levan o seu nome foron orixinariamente pensadas como un xardín vertical para situar no parque de Belvís, en Santiago de Compostela. Tras a morte de Hedjuk no 2002, Peter Eisenman –arquitecto da Cidade da Cultura– quixo renderlle unha homenaxe ao seu colega profesional e amigo e incorporounas ao Gaiás. A súa situación –visibles desde Santiago–, o feito de que fosen un dos primeiros elementos en edificarse e a súa silueta icónica convertéronas nun dos símbolos da Cidade da Cultura.
Coa apertura ao público do Gaiás no 2011, a Cidade da Cultura mudou o uso destas torres e transformounas nun espazo expositivo non convencional, aberto á experimentación artística e á creación contemporánea. Actualmente, acollen intervencións dos gañadores anuais do Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura de Galicia’.
‘Homo Ludens’ permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 27 de novembro e poderá visitarse de balde todos os días da semana entre as 10 e ás 20 horas. A súa produción foi financiada grazas ás achegas das empresas incluídas no Fondo Gaiás da Empresa Galega.