Nova: Novos materiais de animación á lectura para familias e mediadores

02/09/2016

Novos materiais de animación á lectura para familias e mediadores

Guía de narrativa para prelectores e primeiros lectores e A lectura, unha chave de futuro inclúen ideas, propostas e experiencias para incentivar o hábito lector nos máis pequenos

Os dous recursos, accesibles en Cultura.gal, foron presentadospolo secretario xeral de Cultura, quen salientou o papel primordial dos pais e das nais no achegamento inicial á lectura dos nenos e das nenas 
 

Santiago de Compostela, 2 de setembro.- Facilitarlles ás familias e aos mediadores propostas, ideas e experiencias para a animación á lectura entre os máis novos é o principal obxectivo dos dous novos materiais que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de poñer ao dispor da cidadanía a través da páxina web Cultura.gal (http://www.cultura.gal/gl/recursos-para-animacion-lectura-familias), e que tamén se poderán consultar na libraría institucional da Xunta.

A lectura, unha chave de futuro e Guía de narrativa para prelectores e primeiros lectores son os títulos destas dúas ferramentas en liña, que nacen co fin de incentivar o gusto e o hábito lector entre o público infantil.

Os recursos, coeditados pola Secretaría Xeral de Cultura, foron presentados esta mañá na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal polo responsable deste departamento, Anxo Lorenzo, que estivo acompañado pola subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal; por Ramón Vilar, de Ronsel de Ideas, e por Isabel Mociño, de Elos-Galicia, Asociación de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil.

Unha tarefa compartida

A formación de lectores é “unha tarefa compartida entre a familia, a escola e a sociedade no seu conxunto”, afirmou Anxo Lorenzo, que destacou, con todo, “o papel primordial dos pais e das nais no achegamento inicial dos máis pequenos á lectura”. Para lles facilitar esta tarefa, a Secretaría Xeral de Cultura pon ao seu dispor estes novos recursos dixitais para que tanto as familias como os mediadores en xeral –profesorado, persoal bibliotecario, promotores culturais etc.–. tiren proveito deles á hora de incentivar o gusto pola lectura dos nenos e das nenas, “unha ferramenta imprescindible para a súa educación”, asegurou Anxo Lorenzo.

O manual A lectura, unha chave de futuro, coeditado xunto con Ronsel de Ideas, pretende animar á lectura e concienciar as persoas responsables de educar os máis pequenos da importancia do hábito lector, para o que presenta ferramentas de utilidade coas que inculcarlles a lectura aos cativos, especialmente aos que están na franxa de 1 a 10 anos.

Orientacións sobre o tipo de libros recomendables segundo as idades, suxestións para abordar a lectura dixital e reflexións sobre a utilidade de familiarizar os cativos coas bibliotecas e as librerías son algúns dos contidos deste manual, que inclúe un apartado específico con propostas de actividades para achegar os máis novos á lectura.

O manual acompáñase con varios vídeos dispoñibles tamén en Cultura.gal (http://www.cultura.gal/gl/recursos-para-animacion-lectura-familias) nos que escritores e escritoras, profesores e axentes culturais de diferentes perfís comparten as súas experiencias e opinións arredor dos libros e da lectura nas primeiras idades.

Guía de lectura dedicada á narrativa

A Guía de narrativa para prelectores e primeiros lectores, coeditada por ELOS-Galicia, baixo a coordinación da profesora da USC Blanca-Ana Roig Rechou, ofrece unha selección das obras deste xénero máis relevantes da literatura infantil e xuvenil galega, co fin de facilitar e acompañar a tarefa do mediador na selección de textos e na planificación da educación literaria.

Cada un dos títulos, da autoría de Fina Casalderrey, Carlos Casares, Agustín Fernández Paz, Xoán Babarro e Ana María Fernández, e Paula Carballeira, acompáñase de información sobre o contexto das obras e os escritores, xunto cunha serie de actividades para traballar cos textos elixidos en diferentes espazos formativos e lúdicos.

Recursos en liña

As dúas guías, xunto con outros materiais de interese destinados á animación á lectura na familia, están dispoñibles na rede a través deste enlace.
 

Comparte