Nova: Galicia Culturea achega en setembro actividades musicais e de dinamización lingüística

02/09/2016

Galicia Culturea achega en setembro actividades musicais e de dinamización lingüística

Os concertos de Odaiko, Zoar, Toxos e Froles, Galicia Fiddle Orquestra, Coral de Ruada, Hércules Brass e Coral Cantigas e Agarimos, entre as actuacións programadas na primeira quincena deste mes

Palabras máxicas, do mago Dani García, remata esta semana en Ponteareas e Ribadavia tras visitar 20 concellos da Rede de Dinamización Lingüística

Santiago, 2 de setembro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistirá este serán en Lalín ao concerto que o grupo de percusión Odaiko ofrecerá na Praza da vila desa localidade, ás 20.30 horas, ao abeiro do programa "Galicia culturea", que durante este mes de setembro achegará diversas actividades musicais e de dinamización lingüística a 15 novos concellos.

Desde a súa posta en marcha no mes de xullo, "Galicia culturea" ten programado e colaborado en preto de 600 actividades desenvolvidas en 150 concellos, entre as que figuraron espectáculos de maxia, obras de teatro, obradoiros, exposicións, concertos e festivais musicais, recitais de poesía, feiras do libro e actividades de promoción da lectura.

Entre as propostas específicas do programa "Galicia culturea" destacou a acollida dos contacontos "O zapateiro e o raposo" e "Contos vellos para rapaces novos", que Edicións Bolanda desenvolveu en espazos ao aire libre e que remataron esta semana en Carral e na Estrada, respectivamente. Xunto co espectáculo "Palabras máxicas", do mago Dani García, visitaron 59 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL).

Concretamente, Dani García pecha tamén esta semana a súa xira "Palabras máxicas", que o levou a 20 concellos da RDL, con senllas actuacións hoxe ás 20.00 horas na Praza Maior de Ponteareas e o domingo ás 19.00 horas en Ribadavia, no espazo cultural da igrexa da Madalena.

En canto á programación das actividades específicas do "Galicia culturea" para o mes de setembro, destacan as actuacións que ofrecerán durante a primeira quincena en 13 concellos das catro provincias os grupos Odaiko, Toxos e Froles, Zoar, Coral de Ruada, Galicia Fiddle Orquestra, Hércules Brass e Coral Cantigas e Agarimos.

 

PROGRAMACIÓN ESPECÍFICA DE ‘GALICIA CULTUREA’ EN SETEMBRO

• Venres 2:
En Ponteareas (Praza Maior, 20.00 horas), espectáculo de maxia e dinamización lingüística "Palabras máxicas", co mago Dani García.
En Lalín (Praza da Igrexa, 20.30 horas), concerto de Odaiko.

 

• Sábado 3:
En Mugardos (Casino Mugardés, 20.00 horas), actuación do Real Coro Toxos e Froles.

• Domingo 4:
En Malpica de Bergantiños (Praza Anselmo Villar Amigo, 12.00 horas), actuación do Real Coro Toxos e Froles.
En Vilanova de Arousa (Praza do Xardín Umbrío, 19.00 horas), concerto de Zoar.
En Ribadavia (Espazo cultural da igrexa de Madalena, 19.00 horas), espectáculo de maxia e dinamización lingüística "Palabras máxicas", co mago Dani García.

• Martes 6:
En Moraña (Carballeira de Santa Lucía, 20.00 horas), concerto de Zoar.

• Mércores 7:
En Ourense (Praza de San Martiño, 20.30 horas), actuación da Coral de Ruada.

• Xoves 8:
En Antas de Ulla (Praza Nova, 18.30 horas), concerto de Odaiko.

• Venres 9:
No Grove (Praza do Corgo, 20.00 horas), concerto de Odaiko.

• Sábado 10:
En Mos (Pazo de Mos, 20.30 horas), actuación de Galicia Fiddle Orquestra.
En Betanzos (Praza da Constitución, 20.30 horas), actuación de Hércules Brass.

• Domingo 11:
En Baiona (Xardíns da Casa da Navegación, 20.00 horas), concerto de Zoar.
En Marín (Alameda, 21.00 horas), actuación da Coral Cantigas e Agarimos.

• Mércores 14:
No Carballiño (Praza Maior, 20.00 horas), actuación da Coral de Ruada.

Comparte