Nova: Entrega do premio Celanova, casa dos poetas ao historiador e etnógrafo portugués António Lourenço Fontes

04/09/2016

Entrega do premio Celanova, casa dos poetas ao historiador e etnógrafo portugués António Lourenço Fontes

O galardón, outorgado pola Fundación Curros Enríquez co apoio da Consellería de Cultura e Educación, recoñece dende hai 32 anos traxectorias no campo da defensa da Cultura Galega

 

  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no acto de entrega do premio 'Celanova, casa dos poetas' O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no acto de entrega do premio 'Celanova, casa dos poetas'
  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no acto de entrega do premio 'Celanova, casa dos poetas' O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no acto de entrega do premio 'Celanova, casa dos poetas'
  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no acto de entrega do premio 'Celanova, casa dos poetas' O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no acto de entrega do premio 'Celanova, casa dos poetas'

Celanova, 4 de setembro de 2016.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no acto de entrega do premio 'Celanova, casa dos poetas', que chega con esta á súa XXXII edición. O galardón outorgado pola Fundación Curros Enríquez e que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria foille entregado ao historiador e etnógrafo portugués António Lourenço Fontes na Horta da Palabra da celanovense Casa dos Poetas.

García Gómez loou a ampla traxectoria do padre Fontes, “que abrangue a investigación, pero tamén a xestión cultural ou o desenvolvemento rural”, e expresou a súa satisfacción polo feito de que o premio recaese nun home que é “tan galego como portugués, pois ignora deliberadamente a existencia de calquera fronteira administrativa que queira estar por riba das continuidades culturais e humanas que unen os dous lados da Raia”.

Ademais do secretario xeral de Política Lingüística, que lle entregou ao galardoado un diploma acreditativo, interviñeron no acto José Luís Ferro Iglesias, alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez, que lle entregou a medalla, obra de Acisclo Manzano, que alude e reivindica os tres grandes poetas de Celanova; Antonio Piñeiro Feijóo, secretario da Fundación, que leu a acta; David José Varela Teixeira, vicepresidente da Cámara Municipal de Montalegre, que foi o encargado das palabras de gabanza relativas ao Padre Fontes, e o propio António Lourenço Fontes, que agradeceu o galardón. No acto participou tamén o presidente da Cámara Municipal de Montalegre, Manuel Orlando Fernandes Alves.

A entrega de premios, que se fai coincidir co cabodano de Celso Emilio Ferreiro, estivo precedida por unha ofrenda floral ante o monumento ao poeta falecido hai 37 anos.

Coñecemento e divulgación da cultura trasmontana

O premio “Celanova, casa dos poetas” recoñece traxectorias históricas no campo da defensa da cultura galega e de Galicia. O 5 de agosto de 2016, o xurado da XXXII edición deste galardón decidiu por unanimidade recoñecer o labor do historiador e etnógrafo portugués Antonio Lourenço Fontes, máis coñecido no ámbito da Raia Seca como Padre Fontes, “pola súa contribución á divulgación e ao coñecemento da cultura trasmontana, tan identificativa dos pobos das Terras do Barroso e de todo o norte de Portugal coma destoutros espazos que se enmarcan no triángulo ferriniano que debuxan os vertixes de Montalegre, Celanova e Arcos de Valdevez”.

Editor de varias obras imprescindibles para coñecer a etnografía e a antropoloxía barrosá -entre as que se encontran “Etnografía Trasmontana” ou “Antropoloxía de Medicina Popular”-, o padre Fontes foi tamén o fundador en 1971 do xornal mensual “Noticas do Barroso”, que aínda se mantén activo na rede. Animador dun sen fin de iniciativas, coma os Congresos Internacionais de Medicina Popular”, da súa man naceron as “Noites das Bruxas”, que hoxe viñeron dar na multitudinaria celebración das “Sexta feira-trece” que, cada noite que coincide en venres 13, convoca milleiros de visitantes a carón da fortaleza de Montealegre.

O xurado da XXXII edición do premio 'Celanova, casa dos poetas' destaca tamén o seu papel no ámbito do desenvolvemento rural, coa posta en marcha das hospederías Hotel Rural Señora dos Remedios e Casa Fontes no municipio de Montealegre, así como o seu ineludible compromiso social coas xentes da súa terra “a través do seu exercicio como párroco de Vilar de Perdices e doutras freguesías do concello de Montealegre”.

Comparte