Nova: O Fetega amosa as últimas producións de compañías teatrais galegas
05/09/2016
O Fetega amosa as últimas producións de compañías teatrais galegas
Pistacatro, Desastronauts, Traspediante, Sarabela, Morcego, Ningures e Eme2 amosan os seus traballos recentes
O certame obtivo subvención da Consellería de Cultura a través da convocatoria para festivais escénicos da Agadic
O Carballiño, 5 de setembro de 2016.- O Festival de Teatro Galego do Carballiño (Fetega) celebra do 6 ao 9 de setembro a súa vixésima sétima edición cunha programación de espectáculos e actividades paralelas dedicada en exclusiva á defensa e proxección das montaxes producidos en Galicia. O certame está cofinanciado este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través das subvencións a festivais escénicos da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
A carteleira do Fetega 2016 foi presentada en Ourense polos seus responsables, artistas e patrocinadores nunha rolda de prensa na que participou o director da Agadic, Jacobo Sutil, para expresar o apoio da Xunta de Galicia a este certame e á súa decidida aposta durante case trinta anos pola promoción do teatro galego de calidade e polo traballo dos seus intérpretes e creadores.
No anfiteatro e no auditorio
Na actual edición, o festival ofrecerá funcións no anfiteatro exterior da localidade e no Auditorio Municipal. No emprazamento ao aire libre terán lugar as representacións de ‘Encontros’, a cargo de Pistacatro Produtora de Soños (martes 6), ‘Girisho: The King of the Circus’, pola compañía Desastronauts (mércores 7), ‘Trasno’, tamén de Pistacatro (xoves 8) e o espectáculo de danza de Traspediante ‘Up2Down’ (venres 9).
Pola súa banda, o Auditorio Municipal acollerá do martes ao venres as actuacións de Sarabela Teatro con ‘Ensaio sobre a cegueira’, de Teatro de Ningures con ‘Unhas poucas picadelas’, de Teatro do Morcego con ‘A nosa señora das nubes’ e de Eme2 con ‘Monólogo do Imbécil’. Este último día terá lugar tamén a gala de entrega de premios do Fetega (Mellor actriz, Mellor actor, Mellor espectáculo e Premio de honra), que será conducida pola actriz Isabel Blanco.
Cita pioneira
Na súa intervención, o director da Agadic situou o Fetega entre as citas pioneiras (xunto coas de Ribadavia, Cangas, Cee ou Cariño) que contribuíron de xeito determinante á fundación e posta en valor diante do público, e mesmo dos seus propios artífices, do que hoxe coñecemos como teatro profesional galego. Neste sentido, Jacobo Sutil sinalou que o Fetega goza hoxe en día dun lugar destacado no panorama cultural do país e posúe unha longa traxectoria que presta atención ao teatro cen por cento galego, tanto ás compañías consolidadas como ás novas tendencias.
“Así se poderá comprobar entre os días 6 e 9 de setembro co goce das propostas que representarán grupos como Pistacatro Produtora de Soños, Desastronauts, Traspediante, Teatro de Ningures, Sarabela, Teatro do Morcego ou Eme2, dignos puntais dunha programación central que tamén abranguerá outras actividades de participación e divulgación, tales como obradoiros, teatro de rúa, clases maxistrais ou os premios que cada ano concede o Fetega como incentivo e recompensa ao intenso e continuo traballo teatral galego”, engadiu.
Autobús clown
Entre as actividades paralelas presentadas este ano polo Fetega están, por exemplo, a conferencia ‘O papel da muller no teatro’, o ‘Autobús clown’, un espectáculo para todos os públicos creado especialmente para o festival, ou as sesións formativas que correrán a cargo do actor Xan Cejudo, sobre a peza ‘Ligazón’ de Valle-Inclán; e do director asturiano Etelvino Vázquez, que se desenvolverá baixo o título ‘Interpretar a Lorca’.
Os premios aos mellores actor e actriz serán outorgados por un xurado composto por tres persoas de recoñecido prestixio vinculadas ás artes escénicas galegas, en tanto que o público escolle o mellor espectáculo e o Premio de honra/traxectoria é decidido pola organización en consenso co xurado.