Nova: A Banda Sinfónica Infantil de Galicia difunde pezas de compositores históricos galegos
09/09/2016
A Banda Sinfónica Infantil de Galicia difunde pezas de compositores históricos galegos
A BSIG recupera as partituras inéditas de “Cidra” e “Balancé”, do mestre Reveriano Soutullo, xunto coa panxoliña de Xosé Pacheco “En Belén hai moita festa”, que xa están accesibles en liña na web da agrupación
Tras o éxito acadado pola Banda Sinfónica Infantil de Galicia, a Asociación Nacional de Directores de Banda anuncia a creación en 2017 da Banda Sinfónica Xuvenil de Galicia
Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2016.- A Secretaría Xeral de Cultura colabora co labor de difusión dos compositores históricos galegos levado a cabo pola Banda Sinfónica Infantil de Galicia (BSIG). A entidade acaba de recuperar dúas partituras inéditas de Reveriano Soutullo e unha panxoliña do mestre de capela Xosé Pacheco, que xa están publicadas e accesibles en liña a través da páxina web da agrupación, en https://bandasinfonicadegalicia.com/partituras/
“Cidra”, habanera para banda, e “Balancé”, célebre cuplé-vals para banda, son os títulos das dúas partituras inéditas do compositor Reveriano Soutullo (Ponteareas, 1880 - Vigo, 1932), ás que se suma a panxoliña galega para Nadal “En Belén hai moita festa”, do mestre de capela Xosé Pacheco (Mondoñedo, 1784-1865), que ten a singularidade de ser a primeira obra escrita para pito pastoril galego e banda. As pezas de Soutullo foron localizadas recentemente no arquivo musical da Banda Garrote de Ortigueira, de Xavier Garrote Covelo, mentres que a panxoliña procede do arquivo da catedral de Mondoñedo.
A Banda Sinfónica Infantil de Galicia, creada en 2015 e que conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación, está integrada por máis de 50 nenos e nenas galegos. En agosto do pasado ano tivo lugar o concerto de presentación da banda, ao que seguiu este ano un segundo encontro que se realizou entre os días 2 e 7 de agosto nos municipios de Ortigueira e de Mondoñedo, con rapaces procedentes de preto de 30 bandas de música das catro provincias galegas.
A BSIG en vídeo
A partir deste segundo encontro e co fin de dar a coñecer os seus obxectivos e a súa actividade, a BSIG gravou un documental que se pode ver desde hoxe a través de https://bandasinfonicadegalicia.com/videos/ e da canle de Youtube, no que repasa as impresións dos nenos e nenas, dos profesores e dos directores da agrupación, e os principais momentos de seis xornadas de convivencia nas que os rapaces tiveron ocasión de compartir diversas experiencias arredor da música, e de completar a súa formación con ensaios e aulas a cargo de destacados profesores, que culminaron con dous concertos.
Próxima creación da Banda Sinfónica Xuvenil de Galicia
Tras o éxito acadado pola Banda Sinfónica Infantil de Galicia (BSIG) nestes dous encontros de 2015 e de 2016, a Asociación Nacional de Directores de Banda –presidida polo galego Carlos Diéguez Beltrán–, a través do Plan Nacional de Bandas de Música, anuncia a creación para o 2017 da Banda Sinfónica Xuvenil de Galicia (BSXG). Galicia contará, así, con dúas agrupacións no vindeiro ano: unha para nenos e nenas de entre 9 e 14 anos e outra para rapaces e rapazas de entre 14 e 17 anos.
A Banda Sinfónica Infantil de Galicia nace como proposta da Asociación Nacional de Directores de Banda (ANDB), enmarcada no programa educativo ‘Vientos del mañana’, do Plan Nacional de Bandas.
Música e formación
A Secretaría Xeral de Cultura vén colaborando con diversas entidades de referencia para apoiar proxectos musicais e de formación nos que estudantes de música completan e reforzan os seus coñecementos, nun marco de convivencia e intercambio como o que ofrecen o Encontro Galego de Saxofón, o campamento musical de violín folk San Simón Fiddle, o Festival Hércules Brass ou o Festival Internacional Peregrinos Musicais.