Nova: O investigador Daniel González Alén, homenaxeado coa Folla de Carballo de Lalín na súa categoría de Ouro
10/09/2016
O investigador Daniel González Alén, homenaxeado coa Folla de Carballo de Lalín na súa categoría de Ouro
Lalín, 10 de setembro de 2016.- O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, participou hoxe na homenaxe ao historiador e investigador Daniel González Alén, que recibiu esta tarde a “Folla de Carballo” de Lalín na súa categoría de ouro.
Na súa intervención, o conselleiro fixo un percorrido pola traxectoria profesional e persoal de González Alén, a quen definiu como “unha persoa “íntegra” e un home construtivo, esforzado e voluntarioso que “forma parte da paisaxe humana do Deza” e ao que, ademais, lle une unha grande amizade a raíz da colaboración en proxectos coma o Seminario de Estudios do Deza e diversas publicacións e exposicións. En palabras do conselleiro, a intensa actividade que vén desenvolvendo fai de González Alén “o patriarca da cultura do Deza”.
Daniel González Alén é un referente consolidado no mundo da investigación cunha labor salientable, -ademais de no xa mencionado Seminario de Estudios do Deza-, como colaborador na redacción de “La Gran Enciclopedia Gallega” (1975-1979) ao carón doutro recoñecido intelectual como foi Filgueira Valverde; e do Museo de Pontevedra.
Destaca tamén a súa carreira como xornalista (fundador do xornal “La Defensa”, e colaborador na prensa local e en diversos programas de radio), e como guionista do grupo Deza Cinema Galego polo que conserva un amplo fondo documental audiovisual sobre temas culturais e etnográficos, faceta esta última que sigue a cultivar e a compartir agora a través das redes sociais.