Nova: O CGAI abre a temporada de proxeccións 2016-17 con cinco filmes premiados nos últimos Mestre Mateo

12/09/2016

O CGAI abre a temporada de proxeccións 2016-17 con cinco filmes premiados nos últimos Mestre Mateo

A nova carteleira arranca mañá con dúas sesións previas do apartado Fóra de Serie: ‘Todos queremos algo’, de Richard Linklater e ‘Las mil y una noches: Vol I: El inquieto’, de Miguel Gomes

Senllos ciclos sobre o cineasta arxentino Martín Rejtman e o norteamericano Bruce Baillie, dúas sesións dedicadas a Sergei Loznitsa e unha semana de cine fantástico son parte dos contidos do primeiro calendario bimestral

Retómase tamén a programación en Vigo e Ourense, con dez títulos no Cineclube Lumière e outros sete no Cineclube Padre Feijoo
 

  • ‘El desconocido’ ‘El desconocido’
  • ‘Todos queremos algo’ ‘Todos queremos algo’

A Coruña, 12 de setembro de 2016.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) inicia mañá a súa temporada de proxeccións 2016-2017, na que durante este primeiro bimestre ofrecerá ciclos dedicados aos filmes galegos galardoados na recente edición dos Premios Mestre Mateo, así como á obra de cineastas como Martín Rejtman, Bruce Baillie ou Sergei Loznitsa, entre outros contidos cos que se renovarán todas as seccións habituais da programación.

A película ‘El desconocido’, de Dani de la Torre (o xoves 15); as curtametraxes ‘Eco’, de Xacio Baño, ‘O terceiro porco’, de David Saborido, e ‘Buscando a superfama (Heredeiros da Crus), de Olga Osorio (o venres 16); e o documental ‘Os días afogados’, de César Souto e Luis Avilés (o sábado 17) son os cinco títulos que poderán verse nos próximos días como escolma dos traballos distinguidos cos premios que outorga anualmente a Academia Galega do Audiovisual.

Ollada a Portugal

Previamente, a nova carteleira arranca con dúas sesións do apartado Fóra de Serie: ‘Todos queremos algo’, de Richard Linklater, mañá martes, e ‘Las mil y una noches. Vol. 1: El inquieto’, de Miguel Gomes, o mércores. As dúas en pases dobres ás 18.00 e ás 20.30 horas. A triloxía da obra de Gomes, unha ficción sobre os efectos da crise en Portugal, continuará os dous seguintes mércores do mes coas segunda e terceira partes: ‘El desconsolado’ e ‘El embelesado’.

A ollada lusa completarase coas obras de Rita Azevedo ‘La venganza de una mujer’ e ‘Frágil como o mundo’, os días 5 e 6 de outubro.

Renovación do cine arxentino

O martes 20 de setembro comezará o ciclo dedicado Martín Rejtman, un precursor da renovación do cine arxentino a partir dos 90, ao que aplicou á súa formación obtida na New York University e nos estudios Cinecittá de Roma, mais tamén no cineclubismo riopratense. A exhibición preparada en colaboración co centro Tabakalera de San Sebastián, abrangue películas como ‘Rapado’, ‘Doli vuelve a casa’, ‘Silvia Prieto’, ‘Los guantes mágicos’ ou ‘Copacabana’, entre outras.

Ademais, o CGAI ten programadas dúas sesións (o 7 e o 19 de outubro) dedicadas á obra documental do cineasta ucraíno Sergei Loznitsa, continuando así a súa cooperación cos creadores obxecto de atención polo festival Curtocircuíto de Santiago de Compostela. Outro certame importante no panorama audiovisual galego, o Freakemacine, ocupará tamén unha semana de proxeccións (do 25 ao 29 de outubro) na filmoteca galega, con dez títulos e outras actividades de difusión do xénero fantástico.

Vangarda norteamericana e fútbol

O estadounidense Bruce Baillie é o protagonista doutro ciclo, que fará fincapé na súa enorme influencia no cine de vangarda americano como membro fundador da distribuidora Canyon Cinema e da San Francisco Cinematheque e como impulsor de espazos e estruturas de exhibición e distribución para cineastas experimentais. A panorámica sobre o seu traballo principiará o 13 de outubro coas pezas ‘Mr. Hayashi’, ‘Mass for tle Dakota Sioux’, ‘Valentín de las Sierras’, ‘Here I Am’ e ‘Little Girl’, nunha sesión que será presentada por Garbiñe Ortega, comisaria da mostra. A retrospectiva de Baillie continuará o 14 e o 18 de outubro con outras catorce películas representativas da súa extensa produción con distintos formatos e temáticas.

Otra das novidades da temporada é o programa sobre cinema e fútbol ‘De portería a portería’, que se desenvolverá do 20 ao 22 de outubro con imaxes inéditas do arquivo do RC Deportivo de La Coruña e mais os filmes ‘¡¡Campeones!!’, de Ramón Torrado e ‘El sistema Pelegrín’, de Ignacio F. Iquino.

Vigo e Ourense

Retómase así mesmo a extensión de programación que o CGAI mantén en Vigo xunto co Cineclube Lumiére e en Ourense co Cineclube Padre Feijoo. A sala do Auditorio Municipal vigués acollerá mañá o filme ‘A seara’, de Pepe Coira, ao que seguirá os sucesivos martes de setembro e outubro unha selección de películas do mauritán Adderrahmane Sissako: ‘Le jeu’, ‘Octobre’, ‘Sabriya’, ‘La vie sur terre’ e ‘Heremakono’, así como as obras do galego Alberte Pagán ‘Faustino 1936’, ‘Walsed’ e ‘Frank’.

A primeira e última sesión de Vigo repetiranse no espazo da Biblioteca Pública Nodal de Ourense os días 19 de setembro e 20 de outubro, en tanto que o resto de pases preparados para Ourense dedicarase á triloxía ‘Las mil y una noches’ de Miguel Gomes. ‘Vol 1: El inquieto’ poderá verse o 26 de setembro, ‘Vol 2: El desconsolado’ proxectarase o 3 de outubro e ‘Vol. 3: El embelesado’, o 10 de outubro.
 

Comparte