Nova: Santiago de Compostela acolle a primeira residencia do encontro SeriesLab 2017

14/09/2016

Santiago de Compostela acolle a primeira residencia do encontro SeriesLab 2017

A nova edición desta iniciativa formativa internacional para guionistas e directores de televisión arrancará en Galicia do 18 ao 23 de xaneiro para continuar en Italia no mes de marzo e en Francia en abril, no marco do foro de coprodución Series Mania

Ábrese ata o 17 de outubro o prazo para presentar propostas inéditas de series televisivas, entre as que se seleccionarán os nove proxectos europeos que participarán no laboratorio
 

  • Ábrese ata o 17 de outubro o prazo para presentar propostas inéditas de series televisivas, entre as que se seleccionarán os nove proxectos europeos que participarán no laboratorio Ábrese ata o 17 de outubro o prazo para presentar propostas inéditas de series televisivas, entre as que se seleccionarán os nove proxectos europeos que participarán no laboratorio

Santiago, 14 de setembro de 2016.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación colabora co Torino Film Lab do Festival de Cine de Turín (Italia) para o desenvolvemento do 18 ao 23 de xaneiro de 2017 en Santiago de Compostela da residencia coa que arrancará a nova edición do programa formativo internacional SeriesLab. A iniciativa está dirixida a guionistas e directores profesionais dos países adscritos ao subprograma MEDIA do Europa Creativa co fin de impulsar o desenvolvemento de proxectos innovadores de series de televisión cara á súa exposición no foro de coprodución internacional Series Mania.

A organización abriu ata o 17 de outubro o prazo de presentación de proxectos inéditos de series de televisión, entre os que se seleccionarán as nove propostas europeas que participarán no SeriesLab 2017. A inscrición realízase no web www.torinofilmlab.it, onde tamén se facilita información sobre o prezo da matrícula e as bolsas de apoio. Estas adxudicaranse en virtude dos méritos dos equipos solicitantes, que poden estar integrados por un máximo de dous membros, ampliables a tres de xeito excepcional.

Galicia, Italia e Francia

Este laboratorio intensivo desenvolverase ao longo de catro meses en Galicia, Italia e Francia. Así, tras a primeira residencia en Compostela, o segundo ‘workshop’ terá lugar do 10 ao 15 de marzo na rexión italiana de Friuli Venezia Giulia, mentres que o último se celebrará do 15 ao 21 de abril en París no marco do foro Series Mania, onde os participantes exporán os seus proxectos nun ‘pitching’ internacional e manterán reunións na procura de socios para as súas series.

O laboratorio, que tamén inclúe sesións de seguimento en liña, ofrécelles aos profesionais seleccionados apoio integral no desenvolvemento conceptual dunha nova serie de televisión, para o que contarán coa asistencia de recoñecidos especialistas do sector á hora de xerar ideas e estruturar o material do proxecto. O obxectivo final e deseñar o episodio piloto e a presentación da proposta global.
 

Comparte