Nova: Saúde e Terra, irmá(n)s chega a Pontevedra para promover o legado das Irmandades da fala

14/09/2016

Saúde e Terra, irmá(n)s chega a Pontevedra para promover o legado das Irmandades da fala

A exposición integra un amplo programa de actividades promovidas pola Xunta de Galicia e por outras institucións culturais e administracións para conmemorar o centenario da súa creación

O Teatro Colón acolle mañá o concerto de presentación na Coruña do traballo discográfico ‘Son de Nós’, de 2naFronteira, no marco das iniciativas impulsadas desde a Consellería de Cultura e Educación
 

Pontevedra, 14 de setembro de 2016.- Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, participou este serán no Museo de Pontevedra no acto de apertura da exposición conmemorativa do centenario da creación das Irmandades da Fala ‘Saúde e Terra, irmá(n)s’.

A mostra itinerante integra un amplo programa de actividades promovidas pola Xunta de Galicia e por outras institucións culturais e administracións para conmemorar o centenario da fundación da primeira Irmandade da Fala, creada o 18 de maio de 1916 na Coruña.

No marco das iniciativas postas en marcha desde a Consellería de Cultura e, a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, o coruñés Teatro Colón acolle mañá, xoves 15, o concerto de presentación do traballo discográfico ‘Son de Nós. Homenaxe á revista Nós e ás Irmandades da Fala’, do grupo 2naFronteira (Carmen Penim e Maurizio Polisinelli).

Para ver e oír o nacemento das Irmandades

‘Saúde e Terra, irmá(n)s’ permítenos viaxar cen anos atrás para vermos, e oírmos, o nacemento das Irmandades da Fala, un movemento político e cultural que marcou para sempre a historia de Galicia e que guiou destacados persoeiros que, hai un século, se sentiron xunguidos como irmáns na defensa do idioma.

A exposición, que está estruturada arredor de dez temas -”Da lingua á fala”, “A razón da causa galega”, “Letra a letra”, “Arte e galeguismo”, “Os medios necesarios”, “A nación galega”, “Nós sós”, “Subir a escena”, “Saber de nós” e “As mulleres erguen a voz”-, contén documentos, publicacións, imaxes e obxectos, entre os que se poden encontrar curiosidades como os lentes de Vicente Risco, a máquina de escribir de Valentín Paz Andrade ou o violín de Antón Losada Diéguez. Ademais, durante a visita pódense escoitar gravacións musicais e discursos da época.

‘Saúde e terra, irmá(n)s’, que abriu a súa itinerancia na Coruña e fixo xa parada nas cidades de Santiago de Compostela e Vigo, poderá verse ata o día 2 de outubro no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra, para continuar despois nos concellos de Ourense, Lugo e Ferrol.

Comparte