Nova: 'Atardecer no Gaiás' dá a benvida a agosto a ritmo de folk, psicodelia e pop

28/07/2014

'Atardecer no Gaiás' dá a benvida a agosto a ritmo de folk, psicodelia e pop

Despide xullo co sexteto La Maravillosa Orquesta del Alcohol e a súa mistura de folk, blues, country e rock

 

  • Imaxe do grupo La M.O.D.A. Imaxe do grupo La M.O.D.A.
  • Imaxe do grupo Gala Drop by Marta Pina Imaxe do grupo Gala Drop by Marta Pina

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2014.-  'Atardecer no Gaiás' dará a benvida ao mes de agosto con tres novas citas musicais para as tardiñas deste xoves, venres e sábado na praza central da Cidade da Cultura. Tres propostas diferentes nas que soarán o folk de La Maravillosa Orquesta del Alcohol, a psicodelia dos lisboetas Gala Drop e o mellor brit pop feito en Galicia da man de Trampoline.

Xullo rematará no Gaiás a ritmo de La Maravillosa Orquesta del Alcohol, orixinal banda que mistura música acústica e instrumentos como o acordeón, o banjo, mandolina e saxofón. Será este xoves cando na praza exterior da Cidade da Cultura ofrezan o seu son que bebe do folk, o blues,o country e o rock. Tamén coñecido como La M.O.D.A., este sexteto burgalés presentará os dez temas que compoñen o seu primeiro disco, ¿Quién nos va a salvar?. Unha despedida perfecta para este mes que xa se esgota.

E para comezar agosto, desembarcará este venres en ‘Atardecer no Gaiás’ a banda lisboeta Gala Drop co seu último traballo: Broda, un disco exclusivamente instrumental que bebe dos primeiros traballos de Santana e Pink Floyd. Música orixinal e fascinante, inspirada pola inesgotable riqueza dos campos do rock e da música electrónica, además da afectiva trashumancia África-Xamaica que envolve aos seus integrantes.

A semana rematará co mellor brit pop ‘made in’ Galicia. Trampoline, un trío de Vigo/Bueu/Cangas enraizado nos sons americanos pero cunha delicadeza nas súas melodías máis propias da música británica, presentan na praza exterior o seu primeiro álbum: Motivations. Música sen pretensións, vivindo por e para a melodía.

Servizo especial de bus urbano
Todos os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ teñen lugar na praza central da Cidade da Cultura a partir das 21:00 horas e a entrada é de balde. Cunha duración entre 60 e 90 minutos, os asistentes poden baixar ata o centro de Santiago, ao finalizar os concertos, grazas a un servizo especial do autobús urbano C11: os xoves e venres sae do Gaiás ás 22:45 e os sábados e festivos ás 22:50 horas.

Comparte