Nova: Convócase a segunda edición de Galicia Creativa para impulsar os músicos emerxentes

15/09/2016

Convócase a segunda edición de Galicia Creativa para impulsar os músicos emerxentes

Tres grupos ou solistas de pop-rock, jazz e tradicional-folk recibirán axuda para a gravación e promoción dun disco, así como para a realización de varios concertos

O prazo de presentación de solicitudes e maquetas está aberto ata o 15 de outubro
 

  • Jacobo Sutil na presentación de hoxe Jacobo Sutil na presentación de hoxe

Santiago, 15 de setembro de 2016.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación SGAE (Sociedad General de Autores y Editores) volven colaborar para a convocatoria da segunda edición de 'Galicia Creativa', un programa de axudas á creación musical dedicado á promoción de artistas galegos emerxentes.

Continúa así esta iniciativa centrada no desenvolvemento da industria musical galega a través dun certame dirixido especificamente a grupos e solistas de tres estilos: pop-rock, jazz e tradicional-folk, e co obxectivo de facilitarlles tanto aos músicos como aos compositores galegos o acceso ao mercado profesional.

Así o explicou hoxe o director da Agadic, Jacobo Sutil, na presentación desta segunda entrega de ‘Galicia Creativa’, nun acto que tivo lugar en Santiago de Compostela e no que participaron tamén os directivos da SGAE Juan Rivas e Juan Carlos F. Fasero.

A finalidade de 'Galicia Creativa' é a gravación, proxección exterior e promoción do repertorio musical rexistrado pola SGAE entre os autores e intérpretes galegos en cada un dos xéneros citados, para o que os seleccionados (un por cada estilo) recibirán asistencia para a gravación, mesturado e masterización íntegra dun disco cun mínimo de catro e un máximo de seis temas, traballos que se levarán a cabo nos estudios da sede compostelá da SGAE.

Ademais, prestarase un servizo de asesoramento en produción, difundiranse os traballos gañadores entre os medios de comunicación e organizarase unha xira de catro concertos en distintas localidades galegas.

Palmarés incipiente

Durante a presentación, o director da Agadic destacou as especiais características deste concurso polo seu deseño como un proceso de titoría cara á posta en circulación de novos produtos musicais galegos. Jacobo Sutil lembrou tamén que ‘Galicia Creativa’ conta xa cun incipiente palmarés propio, xa que a pasada edición de 2015 premiou os artistas Juan Ramos (en rock), Cibrán Seixo (en tradicional-folk) e Álvaro Buxeiro (en jazz), das formacións Prímula, Ramos e Buxeiro Trío, respectivamente.

Os interesados/as en participar en 'Galicia Creativa' teñen ata o vindeiro 15 de outubro para presentarlle as súas solicitudes á Fundación SGAE, na forma que se especifica nas bases e coa documentación esixida. Tamén se pide unha maqueta en disco compacto ou mp3 con dous temas orixinais en letra e música, que sexan ou ben rexistrados na SGAE e gravados polo grupo ou cantautor/solista, ou ben pertencentes ao repertorio SGAE.

Tras a escoita das maquetas, o xurado seleccionará como mínimo dous gañadores provisionais en cada un dos tres estilos ou xéneros musicais, os cales deberán someterse despois a unha audición en directo, da que sairán finalmente os vencedores.

Poderán participar en 'Galicia Creativa' todos aqueles cantautores/solistas ou grupos de música integrados por un máximo de oito membros e que desenvolvan a súa actividade en Galicia. Outro requisito é que os solicitantes non teñan ningún disco editado ou autoeditado anteriormente nin ningunha relación contractual permanente ou ocasional con empresas discográficas.
 

Comparte