Nova: Obras de restauración da igrexa de Palio, en Lalín
16/09/2016
Obras de restauración da igrexa de Palio, en Lalín
Cultura adxudícaa por preto de 110.000 euros cuxo prazo de execución é de catro meses
Lalín (Pontevedra), 16 de setembro de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de adxudicar as obras de restauración da igrexa de Santa Baia de Palio, situada na parroquia lalinense de Cercio. O investimento da actuación ascende a 108.900 euros e os traballos, que correrán a cargo da empresa Rehabita, Gestión Integral de Rehabilitaciones y Restauración S.L., teñen un prazo de execución de catro meses.
Os detalles da adxudicación poden consultarse na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, no seguinte enderezo web http://www.contratosdegalicia.es/licitacion?N=27166.
O obxectivo dos traballos é solucionar os problemas de entrada de auga e reparar os danos ocasionados pola mesma. Para iso construirase unha nova cuberta, consolidaranse e restauraranse os muros da igrexa, os pavimentos e os paramentos interiores, e reporanse as carpinterías. Así mesmo, sanearase o adro e, de ser necesario, realizarase unha drenaxe do mesmo. O proxecto inclúe, ademais, outras melloras, como a preinstalación dun sistema eléctrico, a dotación de elementos básicos de mobiliario e a valoración das pinturas murais para o estudo de posibles intervención de recuperación.
A igrexa de Palio é un templo de pequenas dimensións pero de considerable interese histórico, cuxa orixe se podería remontar aos séculos XI ou XII. As súas características formais e construtivas son as dos templo rurais románicos tendo, ademais, unha estrutura de cuberta de madeira moi elaborada. A maiores, conserva pinturas murais sobre recebo de cal.