Nova: O FIOT de Carballo ofrece un mes de actividades escénicas con 34 espectáculos en cartel

16/09/2016
O FIOT de Carballo ofrece un mes de actividades escénicas con 34 espectáculos en cartel
A súa vixésima quinta edición desenvolverase do 23 de setembro ao 29 de outubro
É un dos 22 festivais apoiados este ano a través da convocatoria pública de axudas para eventos profesionais de artes escénicas e de música
Carballo (A Coruña), 16 de setembro de 2016.- A organización do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo presentou esta tarde a programación da súa vixésima quinta edición, que se celebrará do 23 de setembro ao 29 de outubro con 34 espectáculos en cartel. A Consellería de Cultura e Educación colabora un ano máis coa mostra organizada pola Asociación Cultural Telón e Aparte a través da convocatoria pública de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a festivais profesionais de artes escénicas e de música.
Como explicou o director da Agadic, Jacobo Sutil, o de FIOT é un dos 22 festivais subvencionados en 2016 no marco dunha liña de apoio que incide no carácter estratéxico deste tipo de eventos como “plataformas de exhibición das nosas producións artísticas, focos de desenvolvemento profesional para os traballadores das industrias culturais galegas e convocatorias deseñadas para a captación e fidelización de públicos”.
Sutil fixo estas declaracións no transcurso da presentación que tivo lugar no Pazo da Cultura de Carballo e na que tamén particaparon o alcalde Evencio Ferrerom, o presidente da Asociación Telón Aparte, Alberto Sueiro, e os representantes das entidades patrocinadoras e colaboradoras.
Carteleira festiva
Na súa intervención, o director da Agadic fixo fincapé no carácter festivo da programación coa que se conmemora o 25º aniversario do FIOT e na que terán un especial protagonismo a comedia, Shakespeare, Cervantes e as compañías que teñen marcado a traxectoria deste evento no último cuarto de século. Jacobo Sutil subliñou, así mesmo, o galardón Xograr de Ouro que a mostra outorga este ano ao actor Miguel de Lira.
Contraproducións, Chévere, Limiar Teatro, Manuel Manquiña, Daboapipa, Xosé Touriñán e Pepo Suevos, Celso Martín e Sergio Pazos son algúns dos nomes galegos desta carteleira, que xunto coa programación de sala despregará unha ampla oferta de actividades paralelas en diferentes locais de Carballo.
Entre as compañías de fóra, atópanse as madrileñas Yllana, La Casa de la Portera, Sexpeare Teatro, Metatarso Producciones, Feelgood Teatro, Ron Lalá e Compañía Nacional de Teatro Clásico, a catalá Manolo Alcántara, a vasca Kulunka Teatro, a valenciana L’Om-Imprebís e a danesa Paolo Nani Teater.