Nova: A Casa do Patrón acolle a presentación dos achados recentes no castro de Doade

17/09/2016

A Casa do Patrón acolle a presentación dos achados recentes no castro de Doade

Na campaña deste ano participaron 12 alumnos e alumnas do Máster en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, así como catro arqueólogos profesionais baixo a dirección do profesor Erik Carlsson-Brandt Fontán
 

  • Imaxe das excavacións no castro de Doade

Lalín (Pontevedra), 17 de setembro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañado do director da escavación, Erik Carlsson-Brandt Fontán, da restauradora Diana Blanco Patiño e do director do Museo Etnográfico Casa do Patrón, Manuel Blanco Villar, participaron no auditorio deste centro museístico na presentación dos achados feitos durante a campaña dos meses de maio e xuño no castro de Doade. Nesta leváronse a cabo diversos traballos arqueolóxicos froito da colaboración establecida entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela coa finalidade de completar a información sobre dito xacemento para a súa axeitada posta en valor.

A intervención, dirixida polo profesor Carlsson-Brandt Fontán, contou con catro arqueólogos profesionais e nela fixeron prácticas un total de 12 alumnos do Máster Universitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade da USC. Logo da súa análise e estudo no laboratorio universitario, todos estes achados físicos trasladaranse á recente sala de arqueoloxía inaugurada este mesmo ano no Museo Casa do Patrón, que xa conta con máis de 3.500 pezas expostas.

O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia destacou que no castro de Doade “promóvese a investigación con fins divulgativos, impulsando un proxecto cun valor económico e turístico para toda a comarca do Deza”, e afirmou que o do Castro de Doade é “un proxecto de referencia na posta en valor do patrimonio arqueolóxico no ámbito do rural, non só dezán ou pontevedrés, senón galego, e un exemplo para o desenvolvemento intelixente sobre os nosos recursos culturais.” Román Rodríguez rematou recoñecendo o excelente traballo dos profesionais e esta iniciativa para o desenvolvemento local que parte da Casa do Patrón.

Escavacións e posta en valor

En concreto, as escavacións efectuadas na Aurela do Castro permitiron descubrir dúas construcións habitacionais castrexas, ademais de multitude de achados, tales como restos de cerámica, muíños redondos, pesas de tear, corazóns de tellados, afiadores, alisadores, pezas de ferro etc.

Os resultados máis destacados producíronse na sondaxe nº 4 coa escavación completa dunha vivenda castrexa circular de 5,60 metros de diámetro, xa escavada parcialmente no ano 2015; o descubrimento dun muro que cumpriría algún tipo de función estrutural respecto da muralla do castro neste sector, e o achado dunha posible segunda vivenda castrexa escavada parcialmente.

Unha vez rematada a escavación arqueolóxica leváronse a cabo labores de consolidación, restauración e sinalización dos restos arqueolóxicos descubertos na sondaxe nº 4 para garantir a súa conservación e visita polo público en xeral.

Comparte