Nova: Ignacio Vilar preestrea na Coruña o seu filme Sicixia
17/09/2016
Ignacio Vilar preestrea na Coruña o seu filme Sicixia
A longametraxe pon en valor emprazamentos galegos emblemáticos como a Costa da Morta e eventos de interese turístico como a Rapa das Bestas
Conta co apoio económico da Agadic e coa colaboración da Cidade da Cultura de Galicia
A Coruña, 17 de setembro de 2016.- A Consellería de Cultura, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e no director da Agadic, Jacobo Sutil, acompañaron esta mañá o director de cine Ignacio Vilar na preestrea coruñesa da súa nova longametraxe 'Sicixia', á que tamén asistiu Beatriz G. Loroño, directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
Este novo filme de Vía Láctea, de produción galega e en galego, conta co apoio económico da Agadic e coa colaboración da Cidade da Cultura, na que foron rodadas varias escenas. Pon en valor emprazamentos emblemáticos como a Costa da Morte e outros eventos de interese turístico e cultural como a Rapa das Bestas, unha das nove festas galegas de Interese Turístico Internacional.