Nova: Adxudícase a restauración do retablo do Nazareno da igrexa das Virtudes de Pontedeume

19/09/2016

Adxudícase a restauración do retablo do Nazareno da igrexa das Virtudes de Pontedeume

O obxectivo da actuación é solucionar as patoloxías que presenta esta peza

  • Igrexa das Virtudes de Pontedeume

Santiago, 19 de setembro de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de adxudicar a restauración do retablo do Nazareno da Igrexa das Virtudes, na localidade coruñesa de Pontedeume. O importe da actuación ascende a 17.061 euros, cun prazo de execución de 3 meses. O expediente pode consultarse no enlace http://www.contratosdegalicia.es/licitacion?N=64935 .

O obxectivo da intervención é a restauración integral do retablo, solucionando as patoloxías que presenta nos seu ámbito estrutural e que poñen en compromiso a súa estabilidade. Ademais a policromía e os dourados orixinais están neste momento escurecidos e distorsionados. Para atallar estes problemas elaboraranse mapas de estado de conservación da peza e limparase a mesma. Así mesmo aplicarase un tratamento de desinsectación curativa-preventiva e outro para asegurar os elementos metálicos e fixar as ancoraxes do retablo e as súas zonas de apoio. A intervención completarase coa eliminación de repintes, reintegración volumétrica e cromática e coa aplicación dun vernizado final de protección.

A Igrexa das Virtudes, exemplifica o proceso evolutivo do clasicismo ecléctico e é un exemplo dunha fase intermedia entre a arquitectura culta ou maior e os obradoiros rurais do momento. En Galicia, a arte da arquitectura floreceu cunha forza excepcional, expresando de forma prolífica e con multitude de modelos a súa esencia e sentimento popular. O estilo culto de arquitectos como Vega e Verdugo e Domingo de Andrade pasou aos obradoiros rurais que souberon incorporar e adaptar os seus elementos eruditos e humanísticos a un fondo popular vivaz e fresco, adaptando elementos e tipos da arquitectura culta na folclórica ou popular.

Comparte