Nova: Curtocircuíto consolídase como referente para o cinema máis vangardista
20/09/2016
Curtocircuíto consolídase como referente para o cinema máis vangardista
Un total de 65 curtametraxes de 19 países competirán polos distintos premios do certame, que se desenvolverá do 3 ao 9 de outubro
Os cineastas Sergei Loznitsa e Abel Ferrara protagonizarán encontros co público no marco desta programación, que se estende por toda a cidade con propostas paralelas como concertos, ‘live cinemas’ e obradoiros
O festival compostelán é un dos seis subvencionados este ano a través da convocatoria pública de axudas para eventos audiovisuais
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2016.- O Curtocircuíto Festival Internacional de Cine desvelou o programa da súa décimo terceira edición, que terá lugar do 3 ao 9 de outubro en Santiago de Compostela. A organización seleccionou para as súas seccións competitivas 65 curtametraxes de 19 países entre os preto de 1.200 filmes inscritos este ano, cifra que dá conta da consolidación do certame e do seu papel referente para o cinema máis innovador dentro e fóra de Galicia.
Así o subliñou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, durante a súa intervención na presentación do festival, onde lembrou así mesmo que en 2016 a colaboración da Consellería de Cultura e Educación materialízase mediante a subvención recibida por Curtocircuíto ao abeiro da convocatoria anual de axudas da Agadic a festivais audiovisuais, da que tamén foron adxudicatarios Play Doc, Cans, FICBueu, S8 e FKM.
“Todos estes festivais son exemplos do que a Consellería de Cultura quere conseguir coa optimización dos seus recursos cara a este tipo de eventos, na procura de que sexan factores determinantes para o fomento da cultura, para a dinamización socioeconómica, para o encontro profesional e para a formación e a captación de público”, asegurou o responsable da Agadic, quen participou nesta rolda de prensa xunto co alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e o director do certame, Pela del Álamo.
Programación especializada
Jacobo Sutil incidiu precisamente na suma de esforzos entre as Administracións públicas e as marcas e empresas patrocinadoras á hora de compoñer unha sólida base sobre a que construír iniciativas culturais ben asentadas e con valor de futuro. “Engadindo a estes piares unha programación especializada e de primeiro nivel mundial, sen esquecer a relación co seu ámbito territorial máis próximo e a proxección de creadores audiovisuais galegos conséguese un festival como o que hoxe nos reúne aquí”, asegurou.
Como en anos anteriores, as proxeccións audiovisuais incluídas tanto nas seccións competitivas (Radar, Explora, Penínsulas e Planeta GZ) como nas non competitivas (retrospectivas, Púlsar, Carta Branca, Noite Malandra e Numax Presenta...) complementaranse cunha serie de actividades paralelas que se estenderán por toda a cidade a través de concertos, ‘live cinemas’ ou obradoiros. Nesta edición, a nova sala de música ao vivo Riquela súmase ás xa habituais sedes do festival: Teatro Principal, Numax, Capitol, Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e Unitaria.
Convidados internacionais
O cineasta norteamericano Abel Ferrara e o documentalista ucraíno Sergei Lozsnitsa serán dous dos convidados internacionais que este ano manterán encontros co público do festival, mentres que o crítico norteamericano Jonathan Rosenbaum, o artista sonoro Xabier Erkizia e o músico e especialista en arte conceptual Javi Álvarez serán os encargados de impartir tres dos obradoiros desta edición.
Outros nomes destacados no programa de 2016 son a brasileira Ana Vaz, protagonista da sección Púlsar; Chema Prado, quen foi director da Filmoteca Española durante 26 anos e presentará en Compostela una escolma das súas fitas favoritas, ou Pedro Maia, quen desde 2004 explora o concepto de ‘live cinema’, manipulando imaxes en tempo real e a súa relación co son.
En canto á programación musical, Curtocircuíto colabora coa asociación musical La Melona e co festival WOS para desenvolver unha carteleira de concertos, sesións electrónicas e ‘live cinemas’.
Colaboración do CGAI
Tamén no apartado de colaboracións, o festival e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) volven traballar xuntos para ofrecer na Coruña unha extensión do certame compostelán, neste caso a través das dúas sesións dedicadas a Sergei Loznitsa os días 7 e 19 de outubro.