Nova: Spin 2016 arrancará coa charla do oscarizado compositor Gustavo Santaolalla

21/09/2016

Spin 2016 arrancará coa charla do oscarizado compositor Gustavo Santaolalla

Máis de 70 personalidades como Joan Roca, Vicente del Bosque, José Luis Cuerda ou a deportista Gisela Pulido se darán cita ata o 1 de outubro na Cidade da Cultura no maior evento dedicado ao emprendemento universitario

Organizado por RedEmprendia, Banco Santander, a USC e a Xunta de Galicia, o ‘Spin 2016’ contará con obradoiros, seminarios, concertos, marketplace e un foro de investimento internacional
 

  • O ‘Spin 2016’, o maior evento dedicado ao emprendemento universitario de Iberoamérica, arrancará na Cidade da Cultura o vindeiro 29 de setembro coa masterclass do músico e compositor arxentino Gustavo Santaolalla O ‘Spin 2016’, o maior evento dedicado ao emprendemento universitario de Iberoamérica, arrancará na Cidade da Cultura o vindeiro 29 de setembro coa masterclass do músico e compositor arxentino Gustavo Santaolalla

Santiago, 14 de setembro 2016.- O ‘Spin 2016’, o maior evento dedicado ao emprendemento universitario de Iberoamérica, arrancará na Cidade da Cultura o vindeiro 29 de setembro coa masterclass do músico e compositor arxentino Gustavo Santaolalla, gañador de dous Premios Oscar á Mellor Banda Sonora por Brokeback Mountain e Babel e 17 Premios Grammy.

Co compromiso de RedEmprendia, o Banco Santander –a través de Santander Universidades-, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e a Xunta de Galicia, e o apoio de máis de medio cento de entidades públicas e privadas, ‘Spin2016’ transformará o Gaiás nunha cidade de emprendemento, na que convivirán máis de 2.000 asistentes de 20 países e máis de 70 relatores recoñecidos internacionalmente ao longo de tres intensas xornadas de inspiración, aprendizaxe e colaboración.

Seminarios, concertos e feira

Apoiar e proxectar o talento emprendedor dos universitarios de América Latina, España y Portugal é un dos principais obxectivos do evento. Para logralo, en ‘Spin2016’ haberá conferencias, obradoiros e seminarios creativos, demostracións en vivos, un marketplace cos mellores proxectos emprendedores e un foro de investimento internacional para startups e spin-off universitarias. O día 1 de outubro celebrarase ademais a final do programa de emprendemento Model2Market, na que 30 proxectos finalistas de 10 países competirán por premios valorados en 100.000 euros cos que facer realidade as súas iniciativas empresariais.

O músico e compositor arxentino Gustavo Santaolalla impartirá o 29 de setembro unha masterclass que marcará ás 9.30 horas o inicio de ‘Spin2016’. Renovador da música latina tanto na súa faceta de produtor como de músico, Santaolla ten unha sólida traxectoria profesional que o levou a gañar dous Premios Oscar á Mellor Banda Sonora por Brokeback Mountain e Babel, e outros 17 Premios Grammy.

En ‘Spin2016’, Santaolalla fará un repaso dos seus máis de 40 anos no mundo da música, nos que sempre traballou cun espírito aberto e innovador. Boa mostra é o seu último traballo: a banda sonora do documental de Leonardo DiCaprio sobre o cambio climático, ‘Before the Flood’, na que colabora o tamén oscarizado músico Trent Reznor e coa banda escocesa de rock instrumental Mogwai. Aos asistentes o evento, moitos deles emprendedores noveis, Santaolalla anímaos a “traballar con disciplina, a valorar o emocional, a buscar identidade e gozar co que un fai”.

Ademais, ás 13.30 horas será protagonista xunto o gaiteiro galego de Carlos Núñez dunha actuación conxunta e inédita.

De Joan Roca a Vicente del Bosque

Xunto a Santaolalla, o ‘Spin 2016’ contará co chef español Joan Roca que, xunto aos seus irmáns Josep e Jordi, dirixe El Celler de Can Roca, restaurante que mantén 3 estrelas Michelín desde o ano 2009 e que foi premiado como el mellor restaurante do mundo en 2013 e 2015. A continua vocación formadora e investigadora de Joan Roca levouno tamén a conducir a primeira xira internacional dun restaurante e un ambicioso programa de desenvolvemento de talento culinario en América Latina. Na actualidade lidera cos seus irmáns un proxecto de investigación botánica que busca a recuperación gastronómica de especies silvestres.

“Emprender desde as raíces” é o título da súa charla en ‘Spin2016’, coa que o chef español quere inspirar aos mozos universitarios que estean na encrucillada de definir o seu futuro profesional. Roca asegura que “a clave é converter a túa paixón na túa profesión e ter a mente aberta. Inspirarte dos mil estímulos da túa contorna que poder dar pistas para innovar”.

Completan a axenda de ‘Spin2016’ referentes como a escritora brasileira Nélida Piñón, Premio Príncipe de Asturias das Letras; o guionista e director de cine José Luis Cuerda; o ex seleccionador de fútbol Vicente del Bosque; a Nominada ao Premio Nobel da Paz e directora do Instituto Afgano da Aprendizaxe, Sakena Yacoobi; ou o paleontólogo e investigador español Juan Luis Arsuaga, director das excavacións na Serra de Atapuerca, entre outros.

Xunto a eles compartirán escenario novas promesas do mundo do deporte, a cultura e o emprendemento, como a dez veces campioa do mundo de kitesurf Gisela Pulido; o director colombiano Simón Mesa, premiado no ano 2014 en Cannes pola súa curtametraxe ‘Leidi’; a parella de emprendedores arxentinos Mariquel Waingarten e Gaston Frydlewski, creadores de Hickies, un revolucionario produto que aspira a eliminar os cordóns no mundo do calzado; ou a moza emprendedora peruana Mariana Costa, fundadora de Laboratoria, cuxo traballo en favor da integración das mulleres no ámbito tecnolóxico foi eloxiado por Barack Obama e Mark Zuckeberg.

Inscrición de balde

‘Spin2016’ (www.spin2016.org) é o maior evento de emprendemento universitario da rexión iberoamericana. De inscrición gratuíta, Spin2016 terá lugar do 29 de setembro ao 1 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia, espazo que impulsa proxectos innovadores no ámbito do emprendemento, a tecnoloxía e a cultura.
 

Comparte