Nova: Lingua, literatura e gastronomía danse a man na capital de Galicia
21/09/2016
Lingua, literatura e gastronomía danse a man na capital de Galicia
Propter magnare creatus. Lingua, literatura e gastronomía entre Italia e a península Ibérica celébrase en Santiago de Compostela co apoio da Xunta de Galicia
Anxo Lorenzo destaca a gastronomía como “tema de inspiración de primeira orde na creación artística”
Santiago, 21 de setembro de 2016.- A capital galega reúne desde hoxe e ata o venres 23 de setembro recoñecidos expertos de dentro e fóra de Galicia para afondar na vinculación entre gastronomía, lingua e literatura, así como na contribución destes factores á construción dunha cultura europea compartida.
Fano no marco do congreso ‘Propter magnare creatus... Lingua, literatura e gastronomía entre Italia e a Península Ibérica’, unha iniciativa organizada pola Universidade de Santiago de Compostela, co apoio da Consellería de Cultura e Educación, que abriu esta mañá as súas portas cun acto no que participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicerreitor da USC, Roberto Javier López; a concelleira de Acción Cultural de Santiago de Compostela, Branca Novoneyra; a decana da Facultade de Filoloxía, María José López; o cónsul honorario de Italia en Galicia, Francesco Milani, e o coordinador do congreso, Benedict Buono.
A gastronomía, fonte de inspiración artística
“O programa deste congreso ábrenos as fiestras a unha multiplicidade de vertentes que configuran parte da nosa identidade, con diversos elementos compartidos no ámbito europeo e particularmente coas culturas mediterráneas”, dixo o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante o acto de apertura, no que se referiu á gastronomía como “tema e lugar de inspiración de primeira orde na expresión artística e tamén como un campo interesantísimo para a análise da nosa expresión lingüística e para todo canto ten que ver coas relacións humanas”.
“A gastronomía que neste congreso se analizará desde tempos remotos, segue a ‘alimentar’ ata os nosos días a creatividade dos nosos autores e autoras, que continúan bebendo nesta fonte para a construción dos seus textos”, dixo. “Sábeno e aprovéitano ben –precisou– algunhas das mellores plumas da literatura galega actual, que decidiron seguir transitando polos camiños abertos por Álvaro Cunqueiro de lle dar prestixio á gastronomía no espazo literario”, afirmou Anxo Lorenzo, que mencionou algúns exemplos de autores e autoras, como Fina Casalderrey, Ledicia Costas e Rodríguez Baixeiras.
Gastronomía e léxico, gastronomía e literatura, a cociña balear e a cociña monástica no Camiño de Santiago, a gastronomía na Idade Media e os alimentos antigos son algúns dos eixos temáticos dun congreso que iniciou hoxe a súa programación cun relatorio sobre a comida na comedia italiana renacentista, a cargo de Vicente González Martín, da Universidade de Salamanca.
Organizado pola Área de Filoloxía Italiana e Área de Filoloxía Catalá da USC coa colaboración do Goberno galego, o congreso, ademais de conferencias e mesas redondas, tamén incluirá formatos como un show-cooking a cargo do Centro Superior de Hostalaría de Galicia en homenaxe a Álvaro Cunqueiro.