Nova: O VII Premio Internacional de Gravado Atlante distingue a calidade artística
24/09/2016
O VII Premio Internacional de Gravado Atlante distingue a calidade artística
O secretario xeral de Cultura destacou a “singularidade” dun galardón que entregou hoxe en Ribeira os premios da súa sétima edición
Ribeira (A Coruña), 24 de setembro de 2016.- O Museo de Artes do Gravado de Ribeira acolleu hoxe a entrega dos galardóns do VII Premio Internacional de Gravado Atlante, “unha distinción –en palabras do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo– ao traballo, á calidade artística e á capacidade da arte para espertar as nosas emocións”.
Na súa intervención, tamén se referiu o secretario xeral á “singularidade” do galardón, dado que, “probablemente, os artistas concorrentes a este premio non dispoñen de moitos espazos de recoñecemento para as súas obras elaboradas con esta técnica”.
Dinamizar a creación artística
“A solvencia que estes Atlante foron adquirindo no plano internacional nestas sete edicións de andaina outórganlle xa unha repercusión importante que esperamos que favoreza a traxectoria artística futura dos premiados”, afirmou o secretario xeral, quen baseou o apoio da Xunta de Galicia á actividade do Museo do Gravado no “convencemento da necesidade de dinamizar a creación artística e o seu coñecemento social neste ámbito do gravado”.
Gañadores e gañadoras da sétima edición
O Premio de Gravado Atlante distinguiu na súa sétima edición as obras de Iván Araujo, Mateusz Turek, Manuel Moreno, Francisco Igeno, Encarna Méndez. Ademais, o xurado seleccionou un total de 43 gravados que se exhibirán nunha das salas do museo xunto coas obras premiadas e mais as finalistas.