Nova: Nexos convida a Nélida Piñón na súa nova edición

26/09/2016

Nexos convida a Nélida Piñón na súa nova edición

Será nun diálogo entre a escritora brasileira e a profesora Dolores Vilavedra que se celebrará o 4 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia, con entrada de balde previa inscrición

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove na Cidade da Cultura unha nova edición do ‘Nexos convida...’ coa presenza da escritora Nélida Piñón. Da man da profesora Dolores Vilavedra, a Sala Eisenman acollerá o vindeiro 4 de outubro un diálogo sobre a traxectoria vital e literaria da Premio Príncipe de Asturias 2015.

Co obxectivo de conversar con figuras de recoñecido prestixio das letras, as artes e o pensamento, ‘Nexos convida...’ celebrará un encontro íntimo e directo con Nélida Piñón, unha das grandes figuras das letras hispanoamericanas. Primeira pluma en lingua portuguesa en recibir o Premio Príncipe de Asturias, Nélida Piñón convertiuse na primeira muller en ocupar a presidencia da Academia Brasileira de Letras en 1996.

A investigadora e profesora de Literatura Galega da USC, Dolores Vilavedra, será a encargada de introducirnos no universo literario de Piñón, así como nas súas vivencias persoais e na súa fonda relación con Galicia. Uns vínculos que a levaron a ingresar no 2014 na Real Academia Galega como membro de honra e embaixadora de Galicia no mundo das letras.

A autora de ‘A república dos sonhos’ é tamén doutora honoris causa por diversas universidades -entre elas a USC en 1998- e a súa traxectoria literaria foi recoñecida con importantes premios literarios, como Pen Club, en 1985; ou o Juan Rulfo, considerado como o Nobel hispanoamericano.

O encontro con Nélida Piñón terá lugar o 4 de outubro na Sala Eisenman a partir das 18:30 horas. A entrada, como sempre, é de balde mais é preciso inscribirse previamente no web cidadedacultura.gal.

Traducida en máis de 30 países

Nélida Piñón (Vila de Isabel -Río de Janeiro-, 1937) conta con máis de 25 libros publicados e as súas obras foron traducidas en máis de 30 países. O seu debut como novelista foi en 1961 coa obra Guía-mapa de Gabriel Arcanjo, e posteriormente publicou obras como Madeira feita cruz, Fundador, A casa da paixão, Sala de armas, A doce canção de caetana, O pão de cada día, Até amanhã, outra vez; A república dos sonhos, Vozes do deserto, Aprendiz de Homero e Coração andarilho.

Dolores Vilavedra (Vigo, 1963) é investigadora e profesora de Literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela. Coordinadora do Diccionario da literatura galega en 4 tomos publicado por Galaxia, Vilavedra forma parte do consello de redacción da revista Grial, onde dirixe a sección de crítica literaria. Autora de varios ensaios e antoloxías, Dolores Vilavedra encargouse tamén da tradución de grandes escritores como Lobo Antunes, Amélie Nothomb, Manuel Rivas ou Suso de Toro.

Comparte