Nova: O premiado filme O fillo de Saúl centra no CGAI unha nova entrega da sección Contexto

26/09/2016

O premiado filme O fillo de Saúl centra no CGAI unha nova entrega da sección Contexto

Gañadora do Oscar á mellor película en fala non inglesa ponse en relación con ‘El nome de los árboles’ e ‘A imaxe perdida’ como distintas formas de abordar desde o cinema a represión e o exterminio

As proxeccións, en sesión dobre, terán lugar os próximos tres martes na sede coruñesa do Centro Galego de Artes da Imaxe
 

  • Fotograma de O fillo de Saúl Fotograma de O fillo de Saúl

A Coruña, 26 setembro 2016.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Fimoteca de Galicia) abordará a representación cinematográfica da represión e do exterminio a través dunha nova entrega da súa sección ‘Contexto’, que desta volta xirará arredor do premiado filme de László Nemes O fillo de Saúl. Xunto con esta produción húngara de 2015, gañadora do Oscar á mellor película en fala non inglesa, programaranse os documentais El nome de los árboles, do director asturiano Ramón Lluis Bande, e A imaxe perdida, do cambodiano Rithy Panh.

O CGAI puxo en marcha este ciclo co obxectivo de confrontar destacados títulos actuais con outros clásicos ou contemporáneos desde diferentes puntos de vista, como o temático, o estilístico ou o ambiental. Neste caso, O fillo de Saúl dá pé a un novo contexto a partir da súa ollada pouco habitual sobre o campo de concentración de Auschwitz. A longametraxe foi tamén merecedora do gran premio do xurado e do Fipresci de Cannes e do Globo de Ouro á mellor película en fala non inglesa, ademais de recibir o recoñecemento da crítica e de profesionais como o francés Claude Lanzmann, director do célebre documental sobre o Holocausto ‘Shoah’.

Os lugares da memoria

O fillo de Saúl, que será proxectada en 35 mm, centrará o 11 de outubro a última das tres xornadas deste novo ‘Contexto’, que dará comezo mañá con ‘El nome de los árboles’. Neste documental de 2015 sobre a volta aos lugares da memoria, Ramón LLuis Bande acompaña as testemuñas da represión franquista en Asturias mentres comparten con el as súas lembranzas.

O 4 de outubro será a quenda de A imaxe perdida’, unha produción cambodiano-francesa premiada en 2013 na sección ‘Un Certain Regard’ de Cannes. O seu director buscaba amosar as atrocidades da ditadura de Pol Pot no seu país, época durante a que desapareceu parte da súa propia familia. Ao non atopar ningunha imaxe real que puidera ilustrar este cruel período, Rithy Panh optou por unha proposta estética fóra do común, empregando figuras de plastilina e dioramas para narrar este pesadelo.

Os tres filmes proxectaranse na sede coruñesa do Centro Galego de Artes da Imaxe en sesión dobre, ás 18.00 e ás 20.30 horas.

Comparte