Nova: Do Audible 2016 despídese cunha proposta sobre a influencia do espazo na composición

04/10/2016

Do Audible 2016 despídese cunha proposta sobre a influencia do espazo na composición

A Facultade de Belas Artes de Pontevedra acollerá hoxe, 4 de outubro, ás 20:30 horas, a sesión ‘Turbulencias ou a idea de espazo’

O programa inclúe a estrea mundial da peza, do alemán Luc Döbereiner, compositor convidado na clausura xunto co filósofo Arturo Leyte

Desde o pasado mes de maio, a cuarta edición desta iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Cultura en colaboración con Vertixe Sonora Ensemble ofreceu diferentes propostas para achegarlle ao público as expresións culturais contemporáneas a través de formatos singulares
 

  • Cartel Do Audible Cartel Do Audible
  • Luc Doebreiner Luc Doebreiner

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2016.- O ciclo de música contemporánea Do Audible clausura hoxe, 4 de outubro, a súa cuarta edición na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, que será o escenario da sesión ‘Turbulencias ou a idea de espazo’. A influencia do espazo na composición e na recepción da música centra unha proposta que contará co filósofo Arturo Leyte e co compositor Luc Döbereiner como convidados, e que será de entrada gratuíta e libre ata completar a capacidade.

Tras pasar por Ourense, Vigo e A Coruña desde o pasado mes de xuño, o ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura en colaboración con Vertixe Sonora Ensemble despide a súa cuarta edición cun concerto que ofrecerá en primicia a peza “Turbulencia”, composta polo alemán Luc Döbereiner para frauta, clarinete, óboe, fagot, saxofón, trompeta, trompa, trombón e electrónica en vivo. A súa estrea absoluta en Do Audible ten como obxectivo desenvolver novos modos de describir o son construíndo un “hiperinstrumento” consistente nunha rede electroacústica de instrumentos.

O concepto do espazo na composición

Os instrumentos como espazo é unha parte central do último programa do ciclo neste ano, que se basea en dous itinerarios: o filosófico e o musical. Dous discursos en paralelo intercalados ao longo dun espectáculo coa participación do pensador Arturo Leyte, catedrático de Filosofía na Universidade de Vigo, cun traballo baseado na hermenéutica, no idealismo alemán, na filosofía grega e na estética.

Para introducir o público no espectáculo, Vertixe Sonora Ensemble interpretará a obra “Octandre”, dun dos compositores máis influentes do século XX, Edgar Varèse, pioneiro da composición de música electrónica. A obra, escrita para sete instrumentos de vento e un contrabaixo, expón unha idea de espazo en conexión cun novo concepto da forma, que se comprende como un proceso material máis alá da forma arquitectónica.

O concerto de clausura –que conta co apoio do Concello de Pontevedra, do Instituto Goethe e da Berliner Senatskanzlei Kulturelle Angelegenheite– inclúe diferentes obras para instrumentos de vento que tratan o concepto do espazo na composición. Un espazo que actúa como mediador entre o pensamento estrutural, a calidade física do son e a súa produción, e xa non depende do movemento do son nun espazo acústico determinado. Ademais de Varèse e a estrea da peza central de Luc Döbereiner, o programa inclúe dúas pezas do alemán Gerard Eckert e do galés Richard Barrett.

Achegamento ás expresións culturais contemporáneas

Con este ciclo, a Secretaría Xeral de Cultura e Vertixe Sonora procuran o achegamento do público xeral á música e ás expresións contemporáneas, con experiencias novidosas en distintos puntos de Galicia. Cada concerto organízase arredor dun foco temático e interactúa coa palabra cómplice de relevantes personalidades do mundo da cultura, na procura de achegar puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento contemporáneos.

Comparte