Nova: Unha mostra conmemorará no Museo de Belas Artes da Coruña o 120 aniversario da primeira exposición de Picasso na cidade

30/07/2014

Unha mostra conmemorará no Museo de Belas Artes da Coruña o 120 aniversario da primeira exposición de Picasso na cidade

A actividade enmárcase na programación que a cidade herculina dedica ao pintor malagueño durante o 2015

  • Museo de Belas Artes da Coruña

Santiago, 30 de xullo de 2014.- A consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Concello da Coruña e mais a Fundación EMALCSA subscribiron hoxe un convenio de colaboración a través do cal conmemorarán o 120 aniversario da primeira exposición de Pablo Picasso na cidade cunha mostra que albergará o Museo de Belas Artes – dependente da Consellería- entre febreiro e maio de 2015. O conselleiro, Xesús Vázquez Abad, e o alcalde e presidente da devandita Fundación, Carlos Negreira, asinaron hoxe este acordo, que se enmarca na programación que a cidade herculina dedicada ao pintor malagueño durante o vindeiro ano, precisamente recordando este fito significativo da pegada do artista na Coruña.

A exposición funcionará como o eixe principal da conmemoración do evento ‘120 anos da Primeira Exposición de Picasso. A Coruña, febreiro-maio de 2015’. Consellería asumirá a organización e difusión da propia exposición, a restauración das pezas que o precisen, a catalogación e dixitalización do material que se utilice na mostra, así como toda a programación didáctica e de conferencias que se vincule á mesma.

Durante a sinautura tamén estiveron presentes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a delegada territorial da Xunta en Coruña, Belén do Campo; a concelleira de Cultura da Coruña, Ana María Fernández; a comisaria da mostra, Malén Gual; e a directora do Museo de Belas Artes, Ángeles Pensas.

O Museo de Belas Artes, un espazo idóneo
Vázquez Abad amosou a súa satisfacción por que o Museo de Belas Artes poida acoller esta mostra, “o que é unha clara mostra da excelencia e alta cualificación do traballo do persoal deste centro, así como de que as condicións necesarias de conservación e de seguridade que reúne o museo fan del o espazo idóneo para acoller a exposición”. “Os meus agradecementos -engadiu- ao Museo de Belas Artes polo labor dinamizador da cultura que desenvolve na sociedade coruñesa e pola súa activa implicación nesta efeméride picassiana que celebraremos o ano próximo”.

Así mesmo, felicitou ao Concello pola programación de actividades que está a preparar para celebrar esta efeméride picassiana no 2015, “coa que dá o paso definitivo para reafirmar á Coruña como a terceira desas cidades españolas, xunto con Madrid e Barcelona, nas que Picasso forxou a súa personalidade artística”.

Comparte