Nova: Incremento dun 16,6 por cento das axudas ao audiovisual en lingua galega

30/07/2014

Incremento dun 16,6 por cento das axudas ao audiovisual en lingua galega

A dotación de 175.000 euros forma parte do programa xeral de apoio ao sector, que conta cun orzamento de 2.530.000 euros para as cinco convocatorias de 2014 xestionadas pola Agadic

As subvencións convocadas esta semana contribuirán ao financiamento dos traballos previos á produción de novas longas cinematográficas de ficción e de animación, así como de diferentes produtos televisivos realizados por produtoras independentes

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde hoxe e ata o 29 de agosto

  • Axudas ao adiovisual en galego Axudas ao adiovisual en galego

Santiago, 30 de xullo de 2014.- As axudas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega contan cunha dotación de 175.000 euros para a súa convocatoria de 2014, importe que supón un incremento do 16,6 por cento respecto do total adxudicado o ano pasado. Esta contía global, que será distribuída entre as anualidades 2014 e 2015, destínase especificamente a apoiar as produtoras independentes no traballo previo á produción de novas longametraxes cinematográficas de ficción e de animación, así como de diferentes produtos televisivos.

Esta é a segunda do total de cinco convocatorias que o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad publicará este ano ao abeiro do seu programa xeral de subvencións ao audiovisual, para o que se reserva un total de 2.530.000 euros -un 92,25 por cento máis ca en 2013- a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Xunto coas axudas ao desenvolvemento de proxectos e as destinadas por primeira vez a festivais audiovisuais (dotadas con 90.000 euros e xa adxudicadas), en 2014 Cultura e Educación tamén convocará as de produción e coprodución audiovisual cun orzamento de 2.000.000 euros e as de promoción do talento audiovisual galego con 145.000 euros, ademais de poñer en marcha unha nova liña centrada na difusión e comercialización cunha dotación de 120.000 euros.

Información ao sector
Tanto estes importes como os principais contidos de cada unha das liñas de apoio fóronlles avanzados ao sector o pasado día 10 nunha reunión informativa organizada pola Consellería de Cultura e Educación e á que acudiron representantes dos principais colectivos profesionais, delegados de empresas non asociadas e creadores individuais.

No caso das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, establécense catro modalidades diferentes segundo o tipo e formato do produto audiovisual que se propoña: longametraxes cinematográficas de ficción e de animación, longas e miniseries de ficción para televisión, pilotos de series de animación para televisión e pilotos de programas televisivos que destaquen por ofrecer formatos innovadores.

Gastos subvencionables
Poderán optar a elas produtoras independentes para a posta en marcha dun proxecto que encaixe nalgunha destas catro categorías, tendo en conta as especificacións das bases en canto aos gastos considerados subvencionables: adquisición de dereitos de autor, asesoramento e actos xurídicos, deseño e realización de material promocional, contratación dun plan de márketing e participación en mercados e foros de coprodución e desenvolvemento de proxectos, así como gastos de persoal e de Seguridade Social do guionista e/ou director e unha porcentaxe concreta de gastos xerais e imprevistos.

As solicitudes poden presentarse na Agadic desde hoxe e ata o vindeiro 29 de agosto, preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es ), pero tamén en soporte papel mediante calquera dos outros medios que establece a convocatoria.

A súa adxudicación resolverase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, no que unha comisión de valoración nomeada ao efecto puntuará cada unha das solicitudes de acordo cos criterios detallados nas bases. Con tal fin, analizaranse diferentes aspectos relacionados coa calidade e orixinalidade do guión ou do tratamento secuencial, coa traxectoria da produtora, guionista e director, coa viabilidade do proxecto e a súa potencial internacionalización, e coa súa contribución ao fomento do sector audiovisual galego.
 

Comparte