Nova: Importante colección de selos nunha mostra no Museo Etnolóxico Ribadavia
30/07/2014
Importante colección de selos nunha mostra no Museo Etnolóxico Ribadavia
Complementariamente amosa ‘Pa’mântesti’, unha pequena obra artística da fotógrafa da ‘Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia’ Nstasha Lelenco
Na mostra destaca o selo conmemorativo dedicado ao Museo, no que se reproduce a súa magnífica fachada, e que xa foi posto en circulación o 17 de maio
Ribadavia (Ourense), 30 de xullo de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe a exposición ‘Filatelia, Patrimonio e Museos’ que se poderá visitar na localidade de Ribadavia durante todo o mes de agosto. A mostra, aloxada no Museo Etnolóxico, coincide co 50 aniversario da Sociedade Filatélica Miño de Ourense (SFM) e reúne unha grande colección de selos que constitúe un exemplo do coleccionismo desenvolvidos polos membros da Sociedade Filatélica, Numismática y Vitofílica Miño.
As series expostas están tematicamente moi ligadas ás inquedanzas deste Museo como a escolma sobre Xaquín Lorenzo ao que o titular do departamento de Cultura e Educación se referiu como un “mestre da etnografía ourensá e galega”. Ademais tamén atopamos series dedicadas aos hórreos, a economía e a cultura da comarca, as letras galegas ou a historia da roda. “Estes temas e contidos expresados en soporte postal –dixo– percorren o mundo descubrindo imaxes de persoas ou grupos, paisaxes, monumentos, oficios ou expresións plásticas”. Cómpre recordar que nesta exposición destaca o selo conmemorativo dedicado ao Museo, no que se reproduce a súa magnífica fachada, e que xa foi posto en circulación o pasado 17 de maio.
Vázquez Abad quixo agradecer á Sociedade Filatélica Miño de Ourense por facer posible, coa súa xenerosidade e coleccionismo, esta mostra, e referiuse a ela como “o testemuño de que unha boa organización multiplica a utilidade e a proxección do conxunto dos seus membros”.
Complementariamente, nas mesmas instalacións inaugurouse outra pequena mostra artística, ‘Pa’mântesti’, da autoría de Nstasha Lelenco, unha artista moldava que traballa en Galicia. A súa exposición de doce pezas atópase moi ligada ao mundo da representación e o teatro aproveitando así a recen clausurada ‘Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia’ da que foi fotógrafa. O conselleiro parafraseou as propias palabras da artista para facer referencia a súa obra: “As doce pezas pretenden ser un retrato colectivo dos estados de ánimo e de maneiras de ser nos que a persoa observadora pode atoparse, se cabe, a través da beleza das formas, do descoñecido dos territorios e da danza contida en cada peza”.
Ao acto tamén asistiron, ademais do director do Museo, da artista Nstasha Lelenco e dos presidentes da Sociedade Filatélica Miño e da Federación Galega de Filatelia, José Barros e Valentín Suárez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.