Nova: A xira do CDG co espectáculo Tartufo recala no Teatro Rosalía na Coruña

27/10/2016

A xira do CDG co espectáculo Tartufo recala no Teatro Rosalía na Coruña

A famosa comedia de Molière, dirixida por Carles Alfaro, representase no escenario coruñés o sábado e o domingo ás 20.30 horas

Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Fórneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero, Alejandro Saá e Patricia Torres conforman o elenco desta peza, que reflexiona sobre os perigos da impostura e da manipulación
 

  • A xira do CDG co espectáculo ‘Tartufo’ recala esta fin de semana na Coruña con dúas funcións no Teatro Rosalía A xira do CDG co espectáculo ‘Tartufo’ recala esta fin de semana na Coruña con dúas funcións no Teatro Rosalía

A Coruña, 27 de outubro de 2016.- O Centro Dramático Galego (CDG) continúa desenvolvendo a xira galega do seu último espectáculo, ‘Tartufo’, que esta fin de semana chegará á Coruña para ofrecer dúas funcións no Teatro Rosalía Castro o sábado 28 e o domingo 29, ás 20.30 horas.

O director valenciano Carles Alfaro púxose á fronte dun equipo galego para levar ás táboas esta versión da famosa comedia de Molière, primeira produción propia da compañía pública de Galicia para a temporada teatral 2016-2017. O elenco, por exemplo, componse de nomes xa indiscutibles da nosa escena xunto a novos valores que están a iniciar a súa traxectoria nos escenarios: Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Fórneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero, Alejandro Saá e Patricia Torres.

Carles Alfaro contou, ademais, con Baltasar Patiño no deseño da escenografía, Diego Valeiras no do vestiario, Anxo Graña na composición musical, Trini F. Silva na caracterización, Loli Ramos na tradución, Roi V. Ponte no asesoramento lingüístico e Vanesa Sotelo na asistencia de dirección.

Esforzo interpretativo

A elección deste título clásico do teatro francés para abrir a nova temporada do CDG tivo moito que ver co feito de que o propio Molière fora actor e, como tal, primara o traballo interpretativo para reflexionar desde a comedia sobre os perigos da impostura e do artificio. ‘Tartufo’ pon o foco sobre aquelas persoas que posúen a capacidade de detectar as debilidades e vulnerabilidades dos demais para empregalas no seu beneficio, pero tamén sobre aquelas que se deixan manipular de xeito máis ou menos consciente.

Trátase, pois, dunha proposta lúdica e lúcida, que busca reflectir os claros e escuros da obra orixinal e ser fiel, así mesmo, á ollada tenra, crítica e burlesca, tamén cara a si mesmo, que caracteriza o conxunto da obra de Molière.

Venda de entradas

A venda anticipada de entradas para as funcións de ‘Tartufo’ na Coruña está xa operativa a través do web www.ticketea.com e do teléfono 902 044 226. Tamén poden adquirirse fisicamente na billeteira central da praza de Ourense ata mañá, en horario de 9.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas) e na do Teatro Rosalía os días de funcións de 16.00 a 20.00 horas.

‘Tartufo’, que se estreou o 23 de setembro en Santiago e puido verse tamén en Tui, continuará o seu percorrido galego ata finais de ano coas seguintes datas programadas: 4 de novembro no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, 18 de novembro no Auditorio Municipal de Rianxo, 25 de novembro no Auditorio Afundación de Pontevedra, 1 de decembro no Teatro Afundación de Vigo, 3 e 4 de decembro no Teatro Principal de Ourense, 17 de decembro no Auditorio Municipal de Cangas e 30 de decembro no Teatro Jofre de Ferrol.

Comparte