Nova: 16 compañías promoven a escena de Galicia na feira Mercartes de Valladolid
09/11/2016
16 compañías promoven a escena de Galicia na feira Mercartes de Valladolid
O stand GaliciaÉscena, que tamén acolle a asociación Escena Galega, está a ser o epicentro da actividade comercial e de difusión dos espectáculos producidos na nosa Comunidade dentro do principal mercado do sector a nivel estatal
Participan Baobab Teatro, Contraproducións, Culturactiva, Elefante Elegante, Eme2, Chévere, Ibuprofeno Teatro, ilMaquinario, Javier Martín, La Yogurtera, Limiar Teatro-EsteOeste-Crémilo, Nova Galega de Danza, Odaiko, Pistacatro, Sarabela e Voadora
Valladolid, 9 de novembro de 2016.- ‘GaliciaÉscena’ é o lema do stand que centraliza desde hoxe a actividade comercial e promocional da produción escénica galega na sexta edición de Mercartes, un dos principais mercados do sector a nivel estatal, que se desenvolve ata o día 11 en Valladolid. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación promove esta primeira delegación profesional galega ao encontro, da que tamén forman parte 16 compañías e a asociación Escena Galega.
Todas elas responderon positivamente á convocatoria da Agadic para contar cun espazo de difusión propio nesta cita, cuxo obxectivo é promover acordos comerciais entre os distintos axentes públicos e privados que interveñen nos procesos de produción, distribución e exhibición. Así mesmo, Mercartes serve de escaparate para lle amosar á cidadanía a vitalidade creativa das artes escénicas e a súa contribución ao desenvolvemento social e económico.
Impulso da distribución exterior
Con esta mesma finalidade, a Xunta pon á disposición das compañías galegas o stand ‘GaliciaÉscena’ como epicentro para promover as súas últimas producións e desenvolver xuntanzas profesionais encamiñadas a impulsar a presenza nos escenarios de toda España do teatro, a danza e o novo circo feitos en Galicia. Neste mesmo sentido traballan xa os representantes das 16 empresas que integran esta delegación xunto coa Agadic e Escena Galega: Baobab Teatro, Contraproducións, Culturactiva, Elefante Elegante, eme2emoción&arte, Grupo Chévere, Ibuprofeno Teatro, ilMaquinario, Javier Martín, La Yogurtera, Limiar Teatro-EsteOeste-Crémilo, Nova Galega de Danza, Odaiko, Pistacatro Produtora de Soños, Sarabela Teatro e Voadora.
Esta relación de compañías dá conta do dinamismo e da variedade da produción escénica galega, con espectáculos para público infantil e adulto e propostas innovadoras tanto a partir de dramaturxias contemporáneas como clásicas.
Colaboración da D.O. Ribeiro
A Agadic conta, ademais, coa colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro para apoiar a actividade promocional desde o stand ‘GaiciaÉscena’ cun viño galego que terá lugar mañá, ás 12.00 horas, e ao que están convidados todos os delegados de Mercartes.