Nova: Carballedo acolle unha das últimas citas do Rueiro das liortas

17/11/2016

Carballedo acolle unha das últimas citas do Rueiro das liortas

Dirixida a todos os públicos desde os oito anos de idade, ten entrada libre e de balde ata esgotar a capacidade desta sala

O programa de FalaRedes despide a súa quinta edición con dúas funcións máis a vindeira fin de semana nos concellos ourensáns de Barbadás e Castrelo de Miño

Santiago, 17 de novembro de 2016.- O concello lugués de Carballedo, pertencente á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, acolle este domingo, 20 de novembro, unha das tres últimas citas da actividade 'O rueiro das liortas', programada desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa prestixiosa compañía teatral Elefante Elegante. Será ás 18:00 horas no Salón de Actos e, coma sempre, con entrada libre e de balde ata completar a capacidade da sala. A fin de semana que vén, o programa de dinamización lingüística despide a súa quinta edición con dúas funcións máis nos concellos ourensáns de Barbadás e Castrelo de Miño.

Visión feminina, comedia da arte e teatro popular

‘O rueiro das liortas’ é unha proposta de dinamización da lingua galega, destinada a todos os públicos desde os oito anos de idade, inspirada na comedia da arte italiana e no teatro popular que se mergulla na vida dunha parella e nas dificultades para manter vivo o amor. O dinamismo dos elementos escenográficos que representan diferentes espazos, un actor e unha actriz que interpretan múltiples personaxes e un neno e unha nena que fan valer a súa verdade son os ingredientes desta comedia iniciática. A obra, vista desde unha óptica feminina, ofrece a súa particular visión dunha realidade na que as persoas teñen por afección meter o nariz onde non as chaman.

Na liña dos espectáculos creados por Elefante Elegante, teatro visual baseado no texto e no movemento, a peza busca a universalidade e fusiona a palabra con outras linguaxes coma o teatro físico, a danza ou as artes plásticas e visuais. O obxectivo é que a cativada e a mocidade se acheguen ao teatro en lingua galega por medio dunha obra de coidada estética na que as emocións, os afectos, o humor e a palabra van dan man.

Barbadás e Castrelo de Miño, derradeiras citas do ano

Despois de visitar este domingo a comarca chantadina, o espectáculo ‘O rueiro das liortas’ pechará o 'Falaredes 2016' na provincia de Ourense. O sábado 26 a proposta recala en Barbadás (ás19:00 horas na Casa da Cultura) e o domingo 27 dáse cita en Castrelo de Miño (ás 18:00 horas no Salón de Actos) para completar a súa xira no programa de Política Lingüística por dez localidades da RDL e tamén a quinta edición do programa, que lle dará paso no mes de decembro a “Nadal en Rede”.

Coma sempre, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Toda a información está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal) e mais nas redes sociais do programa e o calendario de actividades tamén na Axenda de Cultura de Galicia.

‘FalaRedes' dálle paso a 'Nadal en Rede'

O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ despide a finais de novembro a súa quinta edición para darlle paso en decembro a outro coñecido programa da RDL: 'Nadal en Rede'. Farao logo de levar por case un cento de concellos galegos as cinco novidosas propostas para dinamizar o uso do galego no lecer que arrancaron en febreiro e se desenvolveron ao longo de 2016: ‘Todo me fala de ti’, ‘A viaxe de Rosalía’, ‘Xente miúda, moita fartura’, ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ e 'O rueiro das liortas'.

Os obxectivos que persegue o ‘FalaRedes’ son os de ampliar e consolidar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar as e os artistas que desenvolven o seu traballo no idioma propio de Galicia. Desde a súa posta en marcha en 2012, o programa chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con máis de 180 entidades adheridas), con preto de 800 actividades para público de diferentes idades.

Comparte