Nova: Máis dun cento de actividades na Feira do Libro da Coruña 2014

01/08/2014

Máis dun cento de actividades na Feira do Libro da Coruña 2014

Presentacións de libros, sinaturas de exemplares, sesións de ilustración, obradoiros, contacontos, recitais e coloquios son algunhas das actividades que acollerán os xardíns de Méndez Núñez

 

  • Libros en andeis Libros en andeis

A Coruña, 1 de agosto de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Federación de Librarías de Galicia inauguraron hoxe a nova edición da Feira do Libro da Coruña, “unha cita central das Feiras do Libro de Galicia e un evento consolidado na axenda cultural da cidade herculina, que cumpre este ano 43 edicións”. Así o afirmou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no acto de apertura da feira, que este ano ofrece 102 actividades para lles achegar os libros e a lectura a todos os públicos.

Acompañado pola delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo; pola presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez; e polo alcalde da Coruña, Carlos Negreira, o secretario xeral destacou a boa acollida, coa que, ano tras ano, vén contando o evento, “grazas á participación da cidadanía, á calidade e a diversidade da programación de actividades que ofrece á feira e tamén ao alto número de librerías e editoriais que nos achegan a través dos seus stands os títulos editoriais máis recentes”.

Múltiples propostas para gozar dos libros e da lectura
“O inicio do mes de agosto depáranos na Coruña múltiples propostas para gozar do libro e da lectura”, dixo Anxo Lorenzo en alusión ás máis de 100 propostas para todas as idades que se desenvolverán na feira desde o 1 ata o vindeiro 10 de agosto. Ademais da oferta editorial que se amosará nos stands, durante estes dez días realizaranse múltiples actividades, entre as que se inclúen sesións infantís de contacontos, obradoiros, coloquios, lecturas dramatizadas, un recital poético e sesións de ilustración.

Recoñecidos escritores e escritoras
As presentacións de libros e sinaturas de exemplares serán as actividades que conten cunha maior presenza na programación e nelas participará un destacado elenco de escritores e escritoras, como Agustín Fernández Paz, que hoxe ás 18 horas estará no stand da Librería Pedreira e, ás 19 horas, presentará o libro ‘A viaxe de Gagarin’ (Edicións Xerais), xunto con María Xesús Fernández. Tamén está previsto que participen na feira durante estes días Manuel Rivas, Luz Pozo Garza, David Pintor, Rosa Aneiros, Alfredo Conde, Xosé Neira Vilas, Xurxo Souto, María Reimóndez, Eva Veiga, Pemón Bouzas, Berta Dávila, Ramón Pernas, Tucho Calvo, Carlos Reigos e Paula Carballeira, entre outros.

A Biblioteca González Garcés estará na feira
A Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, xestionada pola Xunta de Galicia, tamén estará presente na feira do libro. A caseta na que está instalada, ademais da pequena biblioteca que acolle con títulos para os lectores máis novos, será o escenario de diversas actividades, como un contacontos para nenos de entre 3 e 8 anos ou un obradoiro de banda deseñada na que os rapaces e rapazas de 7 a 15 anos poderán realizar seu propio cómic coa axuda do debuxante Santy Gutiérrez.

Para impulsar a biblioteca como un espazo de encontro dos nenos e nenas arredor da lectura tamén se realizarán dúas sesións: unha de presentación da biblioteca e do seu funcionamento dirixida aos máis novos e outra que consistirá nunha charla informativa para os pais sobre a web, redes sociais e o blog da sala infantil da González Garcés.

A Feira do Libro da Coruña abrirá as portas da súa cuadraxésimo terceira edición en horario de 11 a 14 horas pola mañá e de 18 a 22 horas polas tardes.

Comparte