Nova: Xai Óscar expón as súas paisaxes da ría de Vigo
01/08/2014
Xai Óscar expón as súas paisaxes da ría de Vigo
O artista vigués amosa en Unha xanela ao mar un total de 12 cadros de mariñas e transparencias de óleo sobre lenzo
Vigo, 1 de agosto de 2014.- A Delegación Territorial da Xunta en Vigo acolle dende hoxe e ata o 30 de setembro a exposición Unha xanela ao mar, do pintor vigués Xai Óscar. Trátase dunha compilación de 12 obras pictóricas de mariñas e transparencias con paisaxes da ría de Vigo e do Parque Nacional das Illas Atlánticas realizadas en óleo sobre lenzo e que destacan polo seu hiperrealismo. Esta mañá, a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, acompañou ao artista na inauguración da mostra destacando a súa técnica e “o realismo das paisaxes” que amosa.
Con Unha xanela ao mar, o artista vigués pretende “ir máis alá da fotografía, quero que a auga flúa” conseguindo unha homenaxe ao mar porque, coma el mesmo explica, “son un namorado do mar”. Xai Óscar busca así iluminar co seu pincel as profundidades mariñas para amosarnos a outra vida que non vemos.
Deste xeito, entre as obras que forman parte desta exposición, destacan os seus coñecidos cadros en gran formato coma son “Sinfonía Marina”, un mural de 1,50x7,50 metros no que amosa a paisaxe submarina das Illas Cíes ou a súa obra “Vigo Desde A Madroa”, unha panorámica da cidade viguesa dende Travesía ata Toralla de 1,5x2,5 metros na que investiu máis de 500 horas na súa realización. A maiores, expón outras mariñas e transparencias das Illas Cíes, Ons, da costa de Baiona ou os seus famosos bosques de laminarias.
Dirixida a tódolos públicos, está situada na planta baixa do edificio administrativo da Xunta en Vigo e xa se pode visitar en horario de apertura ao público, é dicir, durante o mes de agosto será de luns a venres de 9,00 a 14,00 horas mentres que pasará a ser de 9,00 a 19,00 horas no mes de setembro, abrindo tamén os sábados de 9,00 a 14,00 horas.
Esta mostra súmase así ás múltiples exposicións de artistas, asociacións e colectivos culturais que xa se realizaron na planta baixa do edificio abrindo o edificio administrativo á participación de artistas e colectivos ofrecendo o seu espazo expositivo a todos aqueles que estean interesados en amosar as súas obras.
Xai Óscar
Pintor autodidacta. Nace o 29 de febreiro de 1948 en Orbenlle (O Porriño). Aos 10 anos trasládase a Vigo, onde prosegue os seus estudos asistindo posteriormente á Escola de Artes e Oficios desta cidade. Durante dous anos, viaxa por Europa, Hamburgo, Italia, onde amplía os seus coñecementos artísticos, fixando a súa residencia durante unha tempada en París. No ano 1969, expón por primeira vez na Sala da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, iniciando con esta una serie de exposicións que o levou a percorrer varias cidades de España, como Santander, Valladolid, A Coruña ou Pontevedra, entre outras.
Agora amosa nesta nova exposición os distintos azuis do océano, as cores inesperadas que teñen os peixes e a danza das algas que acarician o seu lenzo. Unha relación sentimental co mar que, para todo vigués, foi un acompañante que sempre estivo aí.