Nova: O ciclo Banda á parte trae ao CGAI os filmes españois máis vangardistas da tempada
07/01/2017
O ciclo Banda á parte trae ao CGAI os filmes españois máis vangardistas da tempada
Grandes nomes da filmografía estatal como Albert Serra ou Pablo Hernando visitarán a filmoteca durante os meses de xaneiro e febreiro
Esta xeración de cineastas é a que máis éxitos en festivais internacionais ten acadado, con premios en prestixiosos certames coma Locarno ou Donostia
A Coruña, 7 de xaneiro de 2017.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) trae na súa nova programación os mellores filmes españois da temporada. Xa organizado en 2016, o ciclo 'Banda á parte' continúa en 2017 cunha selección heteroxénea dalgunhas das películas máis vangardistas feitas en España no último ano. Estes creadores independentes teñen en común que traballan cunha liberdade artística que lles granxeou o prestixio en relevantes citas internacionais. Festivais como Locarno, Rotterdam, Cannes ou Donostia teñen seleccionado e posto en valor esta xeración, inserida no que se vén dando en chamar o Otro Cine Español.
A escolma deste ano inclúe un total de oito longas dos directores Isaki Lacuesta, Pablo Hernando, Jonás Trueba, Mauro Herce, Enrique Rivero, Pablo Llorca e Albert Serra. Parte deles pasarán pola filmoteca para presentar as películas e debatelas co público.
Inauguración con 'La próxima piel', de Isaki Lacuesta
A última fita de Isaki Lacuesta, ‘La próxima piel’, será a primeira en proxectarse o martes 10 de xaneiro. Éxito de crítica e de público, conta con Emma Suárez no papel protagonista para relatar a historia dun cativo que, logo de anos desaparecido, volve á casa e provoca a desconfianza da familia sobre se, en efecto, se trata do seu fillo. A película, que a partir desa dúbida crea unha tensión na tradición do thriller, foi a gran vencedora do pasado festival de Málaga, alzándose con cinco premios.
Pablo Hernando visitará o CGAI o 17 e o 18 de xaneiro cos seus dous últimos filmes. Este novo realizador é un dos máximos expoñentes do chamado cinema low cost en España e está considerado un gran retratista da súa xeración, a dos millennials aos que lles tocou vivir a crise económica na súa incorporación ao mercado laboral. 'Esa sensación', codirixida con Juan Cavestany e Julián Génisson, é precisamente un retrato esperpéntico da España actual, mentres que en 'Berserker' –unha das revelacións do pasado Festival de Cine Europeo de Sevilla– usa o xénero negro como coartada para falar das mesmas inquietudes desta xeración. Hai un meses o Festival Internacional de Cine de Xixón dedicoulle un ciclo a Hernando, recoñecéndoo así como un dos maiores valores da cinematografía española.
Pecha o mes Jonás Trueba con 'La reconquista'. Na súa cuarta longametraxe, o realizador madrileño segue a explorar os terreos do namoramento e o paso do tempo a través da historia de Manuela e Olmo, que se reencontran logo de 15 anos cando, na adolescencia, experimentaran entre eles o seu primeiro amor. A fita conta con algúns dos actores novos máis estimulantes do panorama estatal: Itsaso Arana (‘Las altas presiones’), Franceso Carril (‘Los ilusos’) e Aura Garrido (‘El ministerio del tiempo’). Ademais, Trueba rescata o cantautor Rafael Berrio para a banda sonora.
Visitas de Felipe Lage e Albert Serra para febreiro
Xa en febreiro, seguirán as presentacións con 'Dead Slow Ahead', 'Pozoamargo', 'Días color naranja' e 'La muerte de Luis XIV'. O primeiro foi un dos documentais máis aclamados recentemente, filmado como unha experiencia sensorial a bordo dun cargueiro que cruza o Atlántico. Trátase da ópera prima de Mauro Herce, director de fotografía de importantes títulos do Novo Cinema Galego como 'Arraianos', de Eloy Enciso, ou 'Mimosas', de Oliver Laxe.
Outro referente do Novo Cinema Galego, o produtor Felipe Lage, presentará na filmoteca 'Pozoamargo', coprodución hispano-mexicana dirixida por Enrique Rivero. O filme conta a historia de Jesús, quen, a piques de ter un neno, decátase de que sofre unha enfermidade venérea que lle transmitiu á súa muller embarazada. Incapaz de afrontar a situación, fuxe a unha vila na que vive de incógnito coma un campesiño máis, nun preámbulo do seu descenso ao inferno.
Seguiralle 'Días color naranja', de Pablo Llorca, outra das figuras do cine low cost. Rodada con rapaces que se coñecen a bordo dun tren e deciden facer unha parada en Italia, a fita tense comparado coa triloxía ‘Before’ de Richard Linklater. No reparto destaca Luís Miguel Cintra, lenda viva do teatro e cine lusos, quen ofrece un personaxe que pode lerse como alter ego seu.
Como peche, Albert Serra visitará o CGAI con 'La muerte de Luis XIV', estreado en Cannes. Considerado o enfant terrible do cine catalán, trátase dun dos directores con máis prestixio internacional. Logo de reinventar os mitos do Quixote, dos Reis Magos ou de Casanova, agora atrévese co rei francés Luis XIV para contar os últimos días do monarca interpretado por Jean-Pierre Léaud, o icónico rapaz de 'Los 400 golpes' de Truffaut, nun dos seus papeis mellor recibidos nos últimos anos. O cineasta, quen xa visitara o CGAI con algunhas das súas anteriores películas, promete sempre un debate interesante e provocativo, nun particular estilo comunicativo que moitos teñen equiparado ao de Dalí.
A programación completa, así como a información sobre os horarios e a billeteira, pode consultarse na web www.cgai.gal e na Axenda de Cultura de Galicia: www.cultura.gal/gl/axenda