Nova: Axudas a 50 iniciativas de distribución de espectáculos, xiras musicais e promoción exterior
04/08/2014
Axudas a 50 iniciativas de distribución de espectáculos, xiras musicais e promoción exterior
Trátase da primeira concesión realizada este ano, ao abeiro da liña de apoio á distribución para as industrias culturais, publicada a través da Agadic por un importe de 350.000 euros e para as que aínda está aberto o prazo de solicitude
Estas subvencións insírense no programa xeral de fomento das empresas culturais galegas para 2014, no marco do que se destina 1,48 millóns de euros, un 11,27% máis que en 2013, ás cinco convocatorias centradas especialmente nos sectores escénico e musical
Santiago, 4 de agosto de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no web da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) a concesión de axudas a 20 empresas culturais galegas para levar a cabo un total de 50 iniciativas de distribución de espectáculos escénicos e musicais, así como de promoción exterior en feiras e mercados profesionais. Trátase da primeira adxudicación realizada ao abeiro da convocatoria de subvencións á distribución para as industrias culturais, que conta cunha dotación de 350.000 euros e para a que o prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 30 de setembro ou ata esgotar este orzamento.
As propostas poden seguir remitíndose á Agadic, preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es ), pero tamén en soporte papel mediante calquera dos outros medios que establece a convocatoria.
Esta liña de apoio insírese, á súa vez, no programa xeral de axudas 2014 que o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad desenvolve a través da Agadic e que no caso concreto do sector escénico e musical supón un investimento de 1.480.000 euros –un 11,27 % máis que en 2013– a través de cinco convocatorias públicas.
Comercialización e difusión
A prioridade das subvencións á distribución é impulsar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, ao tempo que se promove a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos diferenciais. A través da súa primeira resolución e á espera de que se resolva a concesión do orzamento restante, apóianse as propostas presentadas por 14 compañías de teatro de actor e de monicreques, catro promotoras musicais e dúas galerías de arte.
No caso do teatro, favorécese a representación de espectáculos galegos en numerosos escenarios, mostras e festivais, principalmente fóra de Galicia e mesmo fóra de España, como é o caso da xira de Inversa Teatro en Colombia, de Teatro Ensalle en México ou de Títeres Cachirulo en Arxentina. Ademais destas tres compañías, tamén reciben subvención para a distribución das súas montaxes e para asistir a encontros profesionais A Xanela do Maxín, Baobab Teatro, Emedous, Os Monicreques de Kukas, Malasombra, Matarile, Producións Teatráis Excéntricas, Redrum, Tanxarina, Teatro do Noroeste e Voadora.
Música
Polo que respecta á música, nesta primeira quenda de adxudicacións inclúese a xira americana de Roi Casal e a serie de concertos ofrecidos por Uxía e Fran Pérez ‘Narf’ en Chile e Arxentina, así como a xira de presentación do novo disco de Carlos Núñez. Apóiase, ademais, a presenza da promotora Dotbeat no Midem de Cannes (Francia), no Reeperbahn Festival de Hamburgo (Alemaña), no Eurosonic Noorderslag de Groningen (Holanda) e na Monkey Week de El Puerto de Santa María (Cádiz).
Por último, aténdese tamén ao sector da arte a través da asistencia da Galería Barcelos ás feiras Arco de Madrid, arteBA de Bos, Zona Maco de México e Pinta London de Londres, e de Espacios Adhoc a Arco e a Est Art Fair de Estoril (Portugal).
Estas axudas á distribución forman parte dunha convocatoria xenérica que inclúe tamén as referidas ás salas privadas de exhibición escénica e ao asociacionismo profesional por un importe total de 460.000 euros. Ademais, este ano complementáronse cunha resolución específica para a promoción exterior, que reservaba 20.000 euros para asistencia ao MICSUR (Mercado de Industrias Culturales del Sur), que se desenvolveu do 15 ao 18 de maio na cidade arxentina de Mar del Plata e á que foron especialmente convidados varios representantes de empresas culturais galegas tralos contactos establecidos durante a celebración do MICAtlántica a finais do ano pasado na Cidade da Cultura de Galicia.
En 2014 tamén foron publicadas as axudas á produción escénica (600.000 euros), festivais profesionais de artes escénicas e musicais (360.000 euros) e festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado (40.000 euros).