Nova: O roteiro Carlos Casares percorrerá en Ourense a traxectoria vital e literaria do escritor

24/01/2017

O roteiro Carlos Casares percorrerá en Ourense a traxectoria vital e literaria do escritor

A iniciativa, coa que colaboran a Secretaría Xeral de Cultura e o Concello de Ourense, contribuirá á difusión da súa obra e á posta en valor da súa figura, no marco da programación de actividades das Letras Galegas 2017

  • O escritor Carlos Casares contará na súa cidade natal cun roteiro que percorrerá a súa traxectoria vital e literaria O escritor Carlos Casares contará na súa cidade natal cun roteiro que percorrerá a súa traxectoria vital e literaria

Ourense, 24 de xaneiro de 2017.- O escritor Carlos Casares contará na súa cidade natal cun roteiro que percorrerá a súa traxectoria vital e literaria a través de 20 placas de cerámica nas que se reproducen diversos fragmentos da súa obra.

A iniciativa, que se enmarca na programación conmemorativa das Letras Galegas 2017, foi presentada hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; polo presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares; pola concelleira de Cultura de Ourense, Belén Iglesias, e por Afonso Vázquez-Monxardín.

“Esta viaxe a pé de rúa propón un percorrido que vai desde o abrente da súa andaina literaria ata o seu solpor, con paradas en diferentes escenarios da cidade das burgas que están presentes na súa escrita”, afirmou o secretario xeral de Cultura. Aos espazos vivencias que habitan na súa obra únense tamén a súa familia e algúns dos principais escritores, artistas e personaxes que o acompañaron na súa traxectoria vital e literaria, con referencias a figuras ourensás como Vicente Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, Blanco Amor e Xosé Suárez, entre outros. Das 20 placas, 18 distribúense no núcleo urbano da cidade da burgas en puntos como o parque de San Lázaro, a igrexa de San Francisco, a catedral, a Alameda ou a praza do Trigo, e outras dúas sitúanse en Castro de Beiro e no Seminario.

Concibido polo profesor Afonso Vázquez-Monxardín e apoiado pola Fundación Carlos Casares, polo Concello de Ourense e pola Consellería de Cultura e Educación, este roteiro literario constitúe unha oportunidade para atoparse con Casares, para dialogar cos principais fitos da súa vida e mais da súa escrita, no marco do municipio que o viu nacer no verán de 1941. As 20 placas do roteiro Carlos Casares complementaranse cun total de 2.500 folletos explicativos da vida e da obra do escritor, unha das figuras clave da literatura galega do século XX.

Percorrido inaugural

Este roteiro, segundo explicou o secretario xeral de Cultura, constitúe unha das diversas iniciativas que conformarán a programación conmemorativa das Letras Galegas 2017 ao longo de todo este ano e está especialmente dirixida ao ámbito educativo. Deste xeito, o primeiro percorrido deste roteiro será o vindeiro 18 de febreiro coa presenza dun cento de profesores e de profesoras.

“Coa Real Academia Galega, co Consello da Cultura Galega, coa Fundación Carlos Casares e co resto das principais entidades culturais vinculadas coa figura do escritor imos colaborar este ano desde a Xunta de Galicia co obxectivo de poñer en valor e de difundir entre a cidadanía a prolífica obra do que constitúe unha das figuras máis destacadas e renovadoras das letras galegas do século XX”, concluíu Anxo Lorenzo.

Comparte