Nova: Pablo Fidalgo e o CDG afondan na figura do poeta luso Daniel Faria

25/01/2017

Pablo Fidalgo e o CDG afondan na figura do poeta luso Daniel Faria

A montaxe ​construíuse a partir de entrevistas cos amigos deste autor e monxe, considerado un dos mellores poetas portugueses do século XX, e de experiencias nos lugares e cos obxectos que formaron parte da súa vida

O Centro Dramático Galego, o Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa e o Teatro Municipal Rivoli do Porto coproducen co artista vigués esta creación, que pode verse en Santiago desde mañá e ata o domingo

O compartir como leitmotiv deste enigmático personaxe é un dos eixos da proposta, que traslada as butacas do Salón Teatro ao propio escenario para reforzar a intimidade e a conexión co público
 

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2017.- ‘Daniel Faria’ é o título do segundo espectáculo do programa de coproducións do Centro Dramático Galego 2016-2017 que, da man do creador vigués establecido en Portugal, Pablo Fidalgo, lle achega ao público a figura deste autor e monxe luso, considerado un dos mellores poetas do século XX do seu país. A peza, estreada en Lisboa a semana pasada, chega agora a Santiago para ofrecer catro funcións no Salón Teatro desde mañá e ata o sábado, ás 20.30 h, e o domingo, ás 18.00 h.

O Teatro Nacional D. María II da capital portuguesa e o Teatro Municipal Rívoli do Porto son as outras dúas entidades coprodutoras desta peza, que xorde a partir do interese persoal de Pablo Fidalgo pola figura de Daniel Faria, da que xa coñecía a súa poesía, así como do convite que lle trasladou o D. María II para traballar sobre este enigmático personaxe que, a pesar da súa recoñecida calidade literaria, é un dos grandes descoñecidos das letras portuguesas.

Proposta ‘performace’

A estrea en Galicia deste espectáculo foi presentada hoxe en rolda de prensa polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a directora do CDG, Fefa Noia; e polo propio Pablo Fidalgo, quen ademais de asinar a creación e o texto de ‘Daniel Faria’, comparte escena como ‘performer’ xunto a Tiago Gandra e asina a iluminación con Nuno Figueira.

Completan o seu equipo Amalia Area no apoio á creación e na produción executiva, Vítor Roriz como colaborador artístico, Gabino Rodríguez e Idoia Zabaleta na asesoría artística, Inês Dias na tradución e Sofia Matos (Materiais Diversos) na produción e difusión. A peza conta, así mesmo, co apoio do Teatro Municipal Campo Alegre do Porto, o proxecto Azala de Álava e a Câmara Municipal, o Polo Cultural Gaivotas e o Largo Residências de Lisboa.

Tal e como explica a compañía, Daniel Faria tivo unha vida excepcional. Aos 27 anos entra no mosteiro beneditino de Singeverga, onde morre pouco máis dun ano despois por mor dunha caída no baño da súa cela. O seu pasamento provocou un impacto tan forte entre os seus amigos que, 18 anos despois, aínda manifestan unha especial emoción cando narran as súas vivencias.

Intenso proceso de creación

Este proxecto foi construído precisamente a partir de entrevistas con persoas que o coñecían, así como das experiencias do equipo no mosteiro, visitando a cela de Faria e entrando en contacto cos seus obxectos persoais e cos que lles regalaba os seus amigos. Neste sentido, segundo os seus próximos, o compartir foi o leitmotiv de Daniel Faria: compartir a palabra, a amizade, a poesía e a fe, así como o teatro, onde o autor atopou unha linguaxe única.

É por iso que o concepto de compartir serviulle a Pablo Fidalgo de eixo para un intenso proceso creativo arredor do mundo de Daniel Faria, que dá lugar a unha peza sobre a transcendencia, sobre un home que escolle unha forma de vida extrema e dialoga con Deus. Xunto cos ‘performers’, sobre o mesmo escenario sitúanse os espectadores, reforzándose así a intimidade e a conexión co público.

Escritor, dramaturgo e comisario de artes escénicas, Pablo Fidalgo (Vigo, 1984) regresa con esta proposta á sede do Centro Dramático Galego, co que xa colaborou en anteriores proxectos. Entre a súa produción escénica destacan títulos como ‘Habrás de ir a la guerra que empieza hoy’, recoñecido como o mellor espectáculo do ano 2015 polo diario portugués ‘Público’. O creador galego é, ademais, o director artístico do festival Escenas do Cambio, promovido en Santiago pola Consellería de Cultura e Educación a través da Cidade da Cultura de Galicia.

Venda de entradas

‘Daniel Faria’, para a que xa está activada a venda anticipada de billetes a través da web entradas.abanca.com, é a segunda das coproducións da presente temporada escénica que poderá verse este mes na sede do CDG. A primeira delas foi ‘O conto de inverno’, versión contemporánea da obra William Shakespeare que está a representar a compañía de Guimarães Teatro Oficina e na que tamén participan a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e o Teatro Aveirense.

O despacho de billetes do Salón Teatro estará aberto ao público de mañá ao domingo (día do espectador) desde dúas horas antes do inicio das funcións, de capacidade reducida.

Comparte