Nova: O arquitecto Jaime Garrido recibe o XIV premio Laxeiro

19/02/2017

O arquitecto Jaime Garrido recibe o XIV premio Laxeiro

Vigo, 17 de febreiro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu hoxe en Vigo á entrega do XIV Premio Laxeiro, que a Fundación do mesmo nome outorgou ao arquitecto e escritor Jaime Garrido Rodríguez. No acto tamén estiveron presentes o presidente delegado da entidade e alcalde de Vigo, Abel Caballero; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ademais de persoeiros da cultura, a política e o mundo empresarial.

O titular de Cultura da Xunta de Galicia felicitou ao premiado pola súa prolífica carreira e por pasar a formar parte do selecto grupo de galardoados co Laxeiro. Ademais, sinalou que o seu traballo transcende a idea de arquitecto que crea edificios para pasar á escala de creador icónico e arquitectura humanista. Román Rodríguez quixo ademais lembrar a figura de Laxeiro, figura fundamental durante todo o século XX e cuxo mundo segue a ser un mundo vivo; xenio singular e universal cun gran nivel de autoesixencia e compromiso co propio traballo.

A Fundación Laxeiro vén outorgando esta distinción dende 2004 a unha persoa ou institución de probada solvencia na difusión e potenciación da cultura galega. Entre outros, recibiron este recoñecemento Xosé Neiras Vilas, Luz Pozo ou Carme Kruckenberg.

Traxectoria do galardoado

Nado en Vigo en 1938, Jaime Garrido Rodríguez conta cunha ampla e dilatada traxectoria profesional ininterrompida desde 1967. Non en balde, é responsable da realización de máis de 2.500 proxectos, tanto para a propiedade privada como para institucións públicas. No eido do urbanismo foi redactor de plans xerais de ordenación urbana, entre outras actuacións municipais.

Cómpre salientar o seu papel no ámbito da defensa do patrimonio cultural. Neste sentido, Garrido Rodríguez proxectou a delimitación das contornas de protección de máis de 60 bens de interese cultural (BIC), redactou −en colaboración don Antonio Oyuelo e Fernando Cobas− o 'Plan director de fortalezas transfronteirizas do Baixo Miño', e realizou diversos levantamentos topográficos de bens do patrimonio cultural galego. Así mesmo, ten desenvolvido un intenso labor de estudo da arqueoloxía, a través do que depositou máis de 300 útiles nos museos de Pontevedra, do Pobo Galego e de Castrelos.

Ademais, o premiado é autor ou coautor dunha quincena de libros, responsable de decenas de artigos en publicacións especializadas, ademais de ter colaborado na elaboración da Gran Enciclopedia Galega. Ao longo da súa carreira ten recibido en tres ocasións o Premio á Investigación da Deputación Provincial de Pontevedra e, en dúas, o Irmáns Gómez Román de Urbanismo e Arquitectura, entre outros.
 

 

Imaxes relacionadas

Comparte