Nova: Dez horas ininterrompidas de xogos, maxia, música e circo en 'Cidade Imaxinaria'

06/08/2014

Dez horas ininterrompidas de xogos, maxia, música e circo en 'Cidade Imaxinaria'

O sábado 23 de agosto a Cidade da Cultura acollerá a cuarta edición desta cita familiar que xa é un clásico do verán

Esta nova edición ofrecerá, de 11 a 21 horas, shows e actividades de vinte compañías diferentes e rematará cun fermoso número no que se recreará o mundo mítico da Atlántida e os seus habitantes máxicos

Na praza do Gaiás instalarase o ‘Escenario imaxinario’, un espazo onde se sucederán espectáculos ao longo de todo o día

Cidade Imaxinaria 2014 incorpora, tamén como novidade, a Taberna-Gordini, unha taberna-teatro onde ao pracer da boa comida súmase a diversión da man de forzudos, acróbatas e pallasos

  • O sábado 23 de agosto a Cidade da Cultura acollerá a cuarta edición desta cita familiar que xa é un clásico do verán O sábado 23 de agosto a Cidade da Cultura acollerá a cuarta edición desta cita familiar que xa é un clásico do verán
  • O sábado 23 de agosto a Cidade da Cultura acollerá a cuarta edición desta cita familiar que xa é un clásico do verán O sábado 23 de agosto a Cidade da Cultura acollerá a cuarta edición desta cita familiar que xa é un clásico do verán

Santiago, 6 de agosto de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anuncia o regreso o 23 de agosto ao Gaiás de ‘Cidade Imaxinaria’, a cuarta edición do festival que o ano pasado bateu o record de asistencia con 12.000 persoas e que este verán preséntase cheo de novidades. Un centenar de artistas de vinte compañías diferentes ofrecerannos dez horas ininterrompidas de teatro, maxia, circo e música. 

Carreiras de coches, torneos, asaltos a castelos, obradoiros de zancudos, teatros de sombras chinescas, bailes, malabares e un abrainte número final. Todos os espectáculos e actividades serán de balde e están pensados para que cativos e adultos gozen xuntos dunha xornada de ocio en familia e de calidade.

‘Cidade Imaxinaria’ quere celebrar o seu carácter de festival de verán, e por vez primeira todas as actividades terán lugar ao aire libre. Como novidade, levantarase na praza central do Gaiás o ‘Escenario Imaxinario’, un espazo máxico polo que, ao longo de toda a xornada, pasarán os números circenses e cheos de humor da compañía ‘Cabaré Parodia’, os trucos de maxia do espectáculo ‘Sim Salabim’ ou as acrobacias de ‘La Belle Escabelle’.

Espectáculo final
Outra das novidades será o fermoso número final. Desde o fondo do océano ao cumio do Gaiás, o festival dirá adeus cun espectáculo onde se recreará o mundo máxico da Atlántida, e as lendas dos seus habitantes, dos que se dicía que podían correr polo ceo como paxaros.

Nesta edición incorporarase á troupe do festival un divertido mestre de cerimonias, un personaxe cuxa identidade será unha sorpresa, pero que será o responsable de guiar ás familias animándoas a participar nas aventuras que alí acontecerán.

Aqueles que, desde as 11 ata as 21 horas, non se queiran perder nada, terán a posibilidade de quedar a xantar, mais non será un xantar corrente. Este ano abrirá as súas portas ‘A Taberna Gordini’, unha taberna-teatro rexentada por unha divertida familia de chefs italo-galegos, onde degustar saborosos pratos italianos cociñados cos mellores ingredientes de Galicia e servidos por acróbatas, forzudos ou pallasos.

Os que se acheguen á Cidade da Cultura o 23 de agosto vibrarán con espectáculos de rúa, como ‘Trasto Cars’, unha carreira de coches onde pode pasar de todo; ‘Le Petit Circ’ co seu The piollos show!; ou coas habilidades imposibles dos malabares de ‘Rosso a Spasso’.

Xunto cos espectáculos, a praza albergará tamén teatriños de luva, sombras chinescas e marionas de ‘Os Monicreques’. Ademais, os asistentes poderán participar nun auténtico ‘Torneo de Cabalaría’; crear unha rede social propia ao aire libre con ‘Externet!’; amosar a destreza na ‘Pesca do Pato’; ou asaltar unha fortaleza medieval en ‘Castelo Poch’.

Estas actividades completaranse con xogos orixinais, como as plataformas e mecanismos nas que poñer a proba o enxeño, a paciencia e a destreza dos participantes, ou como ‘Titellarium’, un espazo onde descubrir o microuniverso dos contos máis famosos da historia; e tamén cos artiluxios mecánicos e quebracabezas dos ‘Amigos de Crusó’ e as caixas sorpresa da ‘Estraña viaxe do señor Tonet’.

Zancudos e kuduro
‘Cidade Imaxinaria’ contará cunha serie de obradoiros onde aprender a andar en zancos grazas aos pallasos da Troupe Malabó, a moverse ao ritmo espasmódico do ‘Kuduro en familia’, a descubrir os segredos que agocha a ‘Globoflexia’ ou a converterse nos personaxes que desexen a través do obradoiro de ‘Maquillaxe e fantasía’.

Para os máis golosos, na praza instalaranse postos de xeados, algodón de azucre, gofres e palomitas, que se poderán tomar na carpa de descanso prevista para recuperar forzas.

Visita de balde ao Museo Centro Gaiás
Con motivo da celebración do festival Cidade Imaxinaria, o 23 de agosto a entrada o Museo Centro Gaiás de balde para poder visitar en familia a exposición ‘Auga Doce’. E para os que queiran coñecer un pouco máis sobre a mostra, o Museo contará con catro visitas guiadas ao longo do día (11:00, 12:30, 17:00 e 18:30 horas) para as que é preciso reservar praza en www.cidadedacultura.gal.

E os que prefiran visitala pola súa conta, recordarlles que o Museo Centro Gaiás dispón dunha aplicación para móbiles e tablets de descarga gratuita, na que poderán descubrir as historias que se agochan tras as obras de arte.

Comparte